«A UPG ten o costume de tentar fixar límites no BNG»

Hai 14 anos, o historiador Xosé Ramón Quintana Garrido gañou o premio de ensaio Ramón Piñeiro por radiografar a historia do Bloque en Un longo e tortuoso camiño: adaptación, crise e cambio no BNG 1971-2009. Antes da asemblea nacional da formación que se celebra mañá traza unha diagnose sobre esta forza.

Daniel Domínguez

O Bloque chega á asemblea de mañá no mellor momento electoral. Por que cre que hai dúas listas alternativas á oficial?

É a mostra dun crecente pluralismo interno. Tres listas que revelan diferentes sensibilidades que deberían chegar a acordos baixo un común denominador que dea un aceptable acomodo a todos. Romper a baralla non estará na mente de ninguén, agás que agrome unha pulsión autodestrutiva propia doutros tempos.

A UPG volveu mandar una advertencia a Pontón. Di que o Bloque «non pode avanzar con apenas marketing e accións performativas ou de imaxe» e pide un discurso «decididamente soberanista» e menos presidencialismo. Que opina?

A UPG ten o inveterado costume de intentar establecer os alcances e límites do proxecto BNG. E sempre o fai nos mesmos termos retóricos. Isto cumpre unha dobre función. Por unha banda, dar seguridade aos militantes máis «conservadores» e tradicionais, temerosos de cambios que puideran significar a perda dunha pureza primixenia. Pola outra, dar un toque de atención aos sectores máis «aperturistas» que teñan a tentación de innovar o proxecto máis alá do permisible.

Vive o BNG un debate político en contra do aperturismo ou aggiornamento de Pontón e o seu núcleo duro ou unha loita por poder interno?

En todas as organizacións políticas se produce, con maior ou menor intensidade, unha loita polo poder que case sempre se acompaña de diferencias estratéxicas e discursivas. Esta contenda pode canalizarse construtivamente ou producir unha crise organizativa profunda. Isto xa o viviu con moito dramatismo o BNG. Se é unha organización «con memoria», non debería volver ás andadas.

É un choque xeracional?

En certa medida tamén é un conflito xeracional. A vella garda adoita ser remisa a deixar paso a novos nomes, voces e ideas, aínda que tamén hai vellos moi novos e novos moi vellos.

Un antigo alto cargo do BNG di que a UPG «prefire reter o poder da organización que gobernar Galicia». Que lle parece?

A UPG non é un actor unitario, como demostra o feito de que os seus militantes participen cando menos en dúas listas. No seu interior conviven distintas posicións, unhas máis proclives a cambios e outras máis reticentes. Esa frase pode valer para caracterizar ao sector máis reticente, conservador no organizativo e esencialista no discursivo.

O discurso máis soberanista, de críticas á OTAN por Ucraína vaille restar apoios?

Este é un vello dilema ao que non lle dan atopado solución. O datos indican que o apoio electoral foi debido a un discurso transversal de contido progresista e a un novo liderado que conectou con novos sectores. Deducir dos resultados un automático crecemento da conciencia nacional e a asunción doutros ideoloxemas tradicionais é incorrecto. Guste ou non, precísase unha nova linguaxe máis fresca e menos acartonada e un discurso moito máis modulado que vaia alén de dicotomías estériles. Pero para todo isto cómpren novas ferramentas analíticas que superen postulados obsoletos.

«Ana Pontón segue a ser o seu principal activo»

Está cuestionada Pontón, logo das críticas da UPG e a falta de lista única?

Cuestionala sería un grave erro. Pontón segue sendo o seu principal activo. Por moito que ritualmente se fale de coralidade e se estea en contra do «presidencialismo» e do «marketing», a tendeza en todas partes é á personalización da política e a un liderado inclusivo capaz de representar non só a propios, senón a amplas maiorías sociais.

No 2020, Pontón tomouse un tempo para decidir se repetía como candidata. O 2028 será a derradeira ocasión se non logra a Presidencia?

Debería repetir con máis medios e apoios para acadar resultados óptimos, mesmo a Presidencia. Para iso fan falta, cando menos, dúas cousas. A superación de determinadas eivas ideolóxicas e organizativas que lastran o crecemento, e algo que non depende só do BNG: que se faga visible unha maior cooperación co seu único socio viable, os socialistas. Porque os números, por moitas décadas que pasen, só poden dar para gobernar xuntos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents