Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

González Laxe, «espello dos mellores valores»

O expresidente da Xunta tripartita recibe unha homenaxe da Universidade de Santiago con motivo da súa recente xubilación

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Manu López

Santiago

A pegada de Fernando González Laxe como presidente da Xunta, economista ou profesor foi resaltada onte nunha homenaxe organizada pola Universidade de Santiago e o Foro Económico de Galicia co gallo da súa xubilación como catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña. Personalidade do mundo académico, político e empresarial déronse cita en Santiago para reivindicar unha figura que «é un espello no que se poden recoñecer os mellores valores da sociedade», segundo o expresidente Emilio Pérez Touriño.

No seu discurso, González Laxe chamou a defender os valores democráticos. Fronte ás noticias falsas e os populismos, polos que se mostrou «moi preocupado», avogou por reforzar eses valores, ademais de reivindicar o desenvolvemento sustentable e a loita contra as desigualdades. Tamén salientou que na súa etapa como xefe do Goberno autonómico quedou demostrado que «son posibles os gobernos de coalición», que poden levarse a cabo «políticas disruptivas e innovadoras» e que é compatible «combinar a rigorosidade coa sensibilidade» cara as demandas da cidadanía. Antes do acto, declarou que na súa etapa había máis «acordo entre partidos que pensan diferente» ca agora e, na faceta académica, indicou que «a educación é a base da sociedade» e que « defendela e apoiala orzamentariamente é unha obriga».

Pérez Touriño destacou que González Laxe «engrandeceu Galicia», á que «dedicou a súa vida». O director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, subliñou que «reivindicar» a persoas coma el «é reivindicarnos a nós como país». Ademais, engadiu que «a xubilación non vai con el» e que seguirá á fronte do informe de coxuntura económica da entidade. O presidente do Foro, Emilio Pérez Nieto, afirmou que «personifica o compromiso» con Galicia e a profesora María Cadaval resaltou as «iniciativas transformadoras» que impulsou. O reitor da USC, Antonio López, referiuse a unha lei en concreto, a que deu orixe ao actual sistema universitario ao crear os centros de Vigo e da Coruña.

Fuente: Faro de Vigo

Tracking Pixel Contents