Traslación dos restos apóstolo Santiago
O arcebispo de Santiago tilda na súa homilía de "inaceptable" a utilización política de migrantes e refuxiados
O delegado rexio, Miguel Santalices, pon o foco no "ben común" e en garantir un financiamento que priorice "as persoas sobre os territorios"
Ana Triñáns
A solemnidade da Traslatio congregou un ano máis no Obradoiro os representantes públicos e das Forzas de Seguridade do Estado, nun acto no que a edil María Rozas, en calidade de alcaldesa en funcións, foi a encargada de recibir na praza o delegado rexio, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
No seu discurso, xa na Catedral e posteriormente á celebración da misa, o delegado rexio apelou a que os servizos públicos deben primar "o ben común, para seguir construíndo unha sociedade de persoas libres e iguais". E tamén do ben común falou na súa homilía o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto: "Pido por aqueles que exercen responsabilidades públicas para que adiquen os seus mellores esforzos ás esixencias do ben común, sen extremismos nin exclusións, por riba das lexítimas diferencias políticas".
Santalices destacou tamén na súa intervención a necesidade de garantir a prestación destes servizos e referiuse ao financiamento singular para Cataluña ao pedir "un sistema de financiamento equilibrado e non discriminatorio, no que se prioricen as persoas por riba dos territorios".
As vítimas das guerras, en especial dos conflitos de Ucraína e Oriente Medio, centraron as palabras do delegado rexio e mais do arcebispo de Santiago, que remarcou "a necesidade de alzar a voz polas vítimas da guerra, da trata, da violencia". O arcebispo primou na súa intervención a situación de crise migratoria que se vive nas illas Canarias e en Ceuta: "É inaceptable utilizar a migrantes e refuxiados como arma política".
Vítimas da Dina, violencia machista e crise da vivenda
As vítimas da Dina, que hai dous meses arrasou municipios de Valencia e Castela e León causando máis de 220 vítimas mortais, foi contido das intervencións do delegado rexio e do arcebispo. Miguel Santalices tivo palabras para os voluntarios e o seu exemplo de solidariedade e referiuse á reconstrución, pois que "as vítimas sintan a protección real e efectiva das administracións ten que ser obriga dos que desempeñamos responsabilidades públicas".
A "lacra da violencia contra mulleres e nenos", estivo tamén presente na homilía de monseñor Prieto e no discurso do delegado rexio, que fixo fincapé na necesidade de protección, "comezando pola prevención e a educación no respecto máis básico".
As dificultades no acceso a unha vivenda foi outro dos temas comúns pronunciados na solemnidade da Traslatio polo arcebispo e o delegado rexio, que apelou "á necesidade de facer efectivo este dereito constitucional, de sumar esforzos para dinamizar unha oferta que facilite o acceso das persoas máis novas".
Posteriormente á celebración relixiosa, as autoridades encamiñáronse ao Pazo de Raxoi, onde tivo lugar a tradicional recepción institucional.
- El Sergas detecta que el 67% de bajas no están justificadas
- Un gallego, una de las víctimas del grave accidente de Segovia
- Una familia de Silleda denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- Problemas con un pasajero en un vuelo entre Canarias y Galicia provoca momentos de tensión y retrasos
- Un incendio obliga a desalojar un edificio en Santiago y 'descubren' un proyectil en su interior
- 15 rutas y senderos de premio en A Coruña
- Miles de empleados de la Xunta cobrarán este año hasta 46 euros más cada mes
- Detectada en aguas de Galicia una nueva especie exótica e invasora de África