«Presenteime ao Celga porque era unha débeda que tiña coa miña avoa»
Máis de 2.400 persoas participaron durante esta fin de semana en Santiago, Madrid e Ponferrada nos exames do Celga para acreditar o coñecemento da lingua galega. O achegamento emocional á historia familiar e a necesidade dentro do eido laboral, principais motivos para concorrer á proba
Mateo G. Triñanes
«Eu son arxentina. Levo xa tres anos vivindo aquí, e preséntome ao exame do Celga porque era unha débeda que tiña coa miña avoa. Ela e o meu avó emigraron cando eran ben novos e eu medrei escoitando esa lingua que empregaban para falar entre eles. Cando vin para aquí, prometinme que cando volvera visitala levaría o meu diploma». Quen fala é María Álvarez, unha das máis de 2.400 persoas que ao longo da pasada fin de semana participaron nos exames Celga en Santiago, Madrid ou Ponferrada para acreditar o coñecemento da lingua galega.
Para esta bonaerense, chegada á capital galega no marco da Estratexia Galicia Retorna que impulsa a Xunta, a motivación para presentarse ás probas chegou dende o eido emocional, coa lingua como un vehículo de achegamento emocional á historia dos seus avós. Porén, entre os aspirantes que repoñían forzas ante as portas do IES Antón Fraguas no barrio compostelán das Fontiñas antes do comezo das probas orais, a motivación que máis se repetía era á da necesidade dentro do eido laboral ou de cara á preparación dunhas oposicións.
Ese é o caso de Ximena Correa, unha colombiana afincada en Vigo dende hai catro anos, graduada en Relacións Laborais e Recursos Humanos. «Teño a intención de opositar e pídenme o Celga 4 entón aquí estou, comezando», explica en conversa con este diario.
Ximena presentouse no día de onte ás probas do Celga 2, o segundo nivel dos catro que acreditan o coñecemento do galego. «Aínda estou empezando», ironiza. De cara á preparación desta proba e as sucesivas ás que deberá concorrer para acadar o nivel que lle esixe a oposición, Correa destaca a importancia dos cursos gratuítos que lle foron impartidos na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. «Alí puiden prepararme sen necesidade de afrontar ningún custo e a verdade que o notei no exame porque me pareceu bastante fácil», asevera exultante ao finalizar a proba escrita.
Un caso parecido ao do valencián Pablo Blay, estudante de Ciencias Ambientais e que leva pouco menos dun ano residindo en Teo. «Para min, presentarme a este exame foi unha escusa para obrigarme a ir aprendendo o idioma e, ademais, nun futuro teño pensado opositar. Entón, canto antes vaia comezando, mellor», apuntaba entre risas.
Aínda que a maioría das persoas que agardaban á porta do instituto compostelán procedían doutras latitudes do Estado e do mundo, buscando na proba unha mellora do seu perfil no contexto do mercado laboral galego, á proba asistiron tamén galegos que por mor dun abandono temperán do ensino non tiñan un nivel acreditado de galego.
Xosé Uxío Caamaño, veciño de Malpica, era un deles. «Veño ás probas porque estou nas listas de contratación do Sergas e demándanme acreditar o nivel de galego», aseguraba, cun marcado acento bergantiñán que delataba un sempiterno uso do idioma.
Suscríbete para seguir leyendo
- Venden una finca de 1.500m² con casa a reformar y en zona costera por menos de 50.000 euros: a 1 hora de A Coruña
- Un joven hereda este «minipueblo» en Galicia y busca vecinos: casas en venta por 7.000 euros
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años
- Este pueblo costero de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene alquileres desde 400€
- Una migrante argentina que ahora vive en Galicia elogia esta característica tan propia de los gallegos: 'Estuve en muchas partes de España y...
- Parece Ibiza, pero es Galicia': esta pequeña cala a pies de un acantilado está a 1 hora de A Coruña
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene alquileres desde 400€
- Air Canada recupera una ruta directa «para toda Galicia»