Carmen, a número 1 dos futuros fiscais, quere ser «a voz de quen non a ten»
Con 25 anos, a ourensá Carmen Castrillo Sotelo vén de acadar unha praza na Fiscalía, tras superar a oposición cunha cualificación de 85,60 sobre 100. Entre os douscentos opositores aprobados que ingresarán na profesión xudicial ou fiscal, ela é a número 1 dos que elixen o Ministerio público como destino. «A carreira fiscal está moi relacionada cos coidados e con estar detrás dos vulnerables. Ten moito sentido adicarme a algo no que creo e no que sinto que podo facer algo por mellorar a sociedade»

Carmen Castrillo, diante do Pazo de Xustiza de Ourense. | Roi Cruz
J. Fraiz
Nas historias de éxitos hai ás veces capítulos con desgustos, mais son pasos imprescindibles para acadar o destino. Carmen Castrillo Sotelo (Ourense, 2000) vén de aprobar a oposición para entrar na Fiscalía, cunha calificación brillante: 85,60 sobre 100. Chega á meta no segundo intento, despois de tres anos de preparación. «Estaba acostumada a que todo o que facía era un éxito, pero agora agradezo o suspenso de outubro de 2024. Foi duro, un golpe, necesitei parar un mes, pero supuxo unha lección. É importante estar abertos a aprender, e confiar en que a vida te coloca onde tes que estar», asegura, convencida.
Ao ponderar a clasificación dos aspirantes presentados nos distintos tribunais examinadores, ela ten o sétimo lugar na orde xeral, pero a súa puntuación só é máis baixa cá doutros tres, entre preto de douscentos opositores que superaron o proceso selectivo para ingresar na Escola Xudicial —a academia dos futuros xuíces—, ou no Centro de Estudos Xurídicos, onde se forman os novos fiscais. Entre os aprobados que se decantan polo Ministerio público como destino, Carmen ten o número 1. Despois de seis meses de curso con teoría e práctica, e doutro semestre máis de prácticas tuteladas, en decembro de 2026 poderá escoller o primeiro destino.
«Saíra con moi boa sensación do exame e esperaba aprobar, pero sempre pode haber sorpresas. Cando escoitas que che dan a noraboa sentes que todo o peso cae, e dis: ‘por fin’», lembra. Comunicoulle a desexada noticia Andrés Martínez Arrieta, maxistrado do Supremo, que preside a Sala Segunda, penal, e é ponente da condena ao exfiscal xeral do Estado.
«Son unha persoa moi disciplinada, traballadora, perfeccionista e autoesixente; por iso cheguei ata aquí», considera Castrillo. Comezou a estudar durante oito horas ao día —descansaba os sábados—, pero noutras fases de preparación desta esixente oposición elevou a dedicación a nove, dez e ata trece horas e media diarias. Ese grao de intensidade resultaba imprescindible para levar aprendidos os 329 temas da súa convocatoria. Cómpre aprobar un test e dous orais.
«Tiven a sorte de estar acompañada no proceso polos meus pais, a miña parella e as miñas amigas, un privilexio do que son consciente, pero esas horas que pasas na habitación son un camiño moi solitario. Moitas veces tes que enfrentarte á túa cabeza», di.
Preparar unha oposición tan dura na vintena conleva renuncias, admite. «Foi un camiño sacrificado. Pasei case tres anos dicindo que non a practicamente todos os plans, axustándome a un estilo de vida que fose compatible con erguerme ao día seguinte e seguir estudando». Un alto nivel de compromiso nun contexto de mocidade. «A xente estaba noutra fase da vida, ou rematando a carreira, ou facendo un máster, a cabalo entre ser estudante e a adultez. E mentres, ti, sen ningún beneficio da vida adulta, como o de ter un soldo ou independencia, debías tomar decisións moi adultas», compara.
«O camiño denota unha madurez que é esencial para logo ter que enfrentarse a situacións que van ser complicadas e difíciles. Agora cando algo me dá medo ou penso en se non serei capaz, digo: ‘pero se xa superei iso’», compara.
«O máis importante era aprobar e quedar coa sensación de que o fixera ben, e estar a gusto co meu desenvolvemento e a miña preparación», valora esta ourensá, que tivo como preparador ao maxistrado Carlos Viader Castro. Despois de tres anos de esforzo pleno, acolle a nota da oposición como «unha recompensa, unha especie de agasallo. Síntome agradecida».
Superou a Selectividade con excelencia —a súa nota foi case inmellorable, un 13,89 sobre 14—, e graduouse en Dereito na Universidade de Santiago, coa cuarta mellor puntuación da súa promoción. O seu Traballo de Fin de Grao, A xestación por substitución no Dereito civil español: a aceptación tácita dos efectos dun contrato nulo, foi galardoado nos Premios Valedora do Pobo, que recoñecen os mellores TFG en materia de igualdade e dereitos das mulleres.
A loita contra a violencia machista e a protección dos menores son dous eidos nos que lle gustaría traballar como fiscal. «Para min é moi importante posicionarse do lado do vulnerable, do débil, e ser a voz de quen non a ten», subliña Carmen Castrillo. «Vexo a carreira fiscal moi relacionada cos coidados, con estar sempre detrás de quen non ten sustento, das persoas vulnerables. Para min ten moito sentido estar convencida do que fago e adicarme a algo no que creo, e no que sinto que podo facer algo por mellorar a sociedade».
Nai letrada xudicial e pai avogado: «O seu exemplo influíume á hora de escoller a función pública»
Na parte final do grao de Dereito, Carmen pensou na docencia e na investigación como un paso posible trala carreira. «Sempre me chamaron moito, sobre todo cando fixen o TFG. Gustábame estar na biblioteca lendo e escribindo. Pero ao final decanteime por opositar, porque considerei que sempre estou a tempo de doutorarme, e porque resultaría máis doado manter a continuidade no estudo, xusto despois de saír da carreira, que se tivese que retomalo anos despois. Ademais, a profesión de fiscal chamábame moito», explica. O seu pai é avogado, mais estivo un tempo preparando o acceso á xudicatura. A súa nai é letrada da administración de Xustiza. A filla exercerá de fiscal. «Nunca sentín presión por parte deles, os dous estudaron Dereito pero creo que no que máis me influíu o seu exemplo foi á hora de escoller a función pública». Os opositores que aproban as probas para acceder á carreira xudicial e fiscal dispoñen dun día de prazo para escoller unha das dúas profesións. Ela non dubidou. «Sinto que as miñas virtudes persoais e profesionais se adaptan moito máis á carreira fiscal, onde poderei servir mellor á cidadanía», salienta. «Sempre me gustou debater e gústame levar algo no que creo ata o final».
Suscríbete para seguir leyendo
- Galicia pasa del diluvio al frío polar: la Aemet avisa de sensación térmica bajo cero
- El Estado tiene a Marcial Dorado de okupa: espera una sentencia firme para echarlo
- Activada para este jueves una alerta naranja por temporal costero en el litoral de A Coruña
- La Aemet activa el aviso rojo para mañana por olas de ocho a nueve metros en A Coruña
- Muere un matrimonio de edad avanzada en un accidente de tráfico en Antas de Ulla
- El superjabalí gallego que pesa hasta 200 kilos: el ‘vakamulo’
- Pandolo', acusado de tres intentos de homicidio en Ordes, en el último día de juicio: 'No he querido matar a nadie
- Rescatada en A Capela una persona atrapada en un vehículo tras un accidente