Estanse a respectar os dereitos culturais dos galegos?
Un informe revela que en Galicia «non se están a cumprir» as normativas que garanten a toda a cidadanía o acceso a creacións culturais
O Consello da Cultura Galega demanda «un incremento dos orzamentos» nesta materia para o rural

Presentación do informe 'Acceso á cultura en Galicia' elaborado polo Consello da Cultura Galega. / Xoán Álvarez
Iria D. Pombo
O titular desta nova é a pregunta que se formulou o Consello da Cultura Galega (CCG) hai un lustro e que serve como colofón do seu informe Acceso á cultura en Galicia, presentado este xoves na súa sede en Compostela. A resposta, respaldada polos seus representantes e pola Comisión Técnica Temporal de Xestión de Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega —autora do informe—, é que non se están a respectar os dereitos culturais en Galicia.
O informe resulta dun amplo proceso de traballo desenvolto ao longo do ano 2025 en diversas sesións de diálogo aberto repartido en catro puntos da xeografía galega entre marzo e xuño, tal e como explicou Rosario Álvarez, presidenta do CCG: no Pazo de Goiáns (Boiro), na Casa Vella (Allariz), no Multiusos de Arcade (Soutomaior) e no Pazo de Tor (Monforte de Lemos). Nestes foros «participaron 147 persoas» de xeito presencial e arredor de 400 a través do formulario en liña.
O documento conclúe que o 76% dos participantes considera a cultura un «dereito básico», aínda que o 60% «non acaba de comprender a que nos estamos a referir cando falamos de dereitos culturais, hai unha idea bastante abstracta», explica Ruth Sousa, redactora de devandito informe. «Sobre todo o que non se acaba de entender é que ocorre cando non temos dereitos culturais e como xestionamos esa carencia», engade. Porén, ante a pregunta de se se garanten os dereitos culturais en Galicia, «a resposta é un non rotundo», indica Paula Cabaleiro, coordinadora do proxecto. Por elo, o CCG insta á Xunta e ás deputacións provinciais —que ostentan as competencias—a «cumprir a lexislación en materia de accesibilidade, mellorar a formación de profesionais e fomentar o coñecemento destes dereitos da cidadanía».
Participación territorio, comunicación e interseccionalidade
O proxecto aborda esta accesibilidade en torno á participación, ao territorio, á comunicación e á interseccionalidade. No primeiro caso, refírese a formar parte de actividades culturais e a crealas. No seguinte caso, antinxe ás desiguladades territoriais, á dicotomía urbano-rural. No terceiro, a como os profesionais da cultura comunican estas cuestións e como esa lonxanía provoca eivas comunicativas que afectan negativamente «por enriba», en relación ás persoas maiores, «e por abaixo», no que respecta á mocidade, segundo relata Sousa. Finalmente, o informe apunta as desigualdades, ás persoas e colectivos que acaban sendo excluídos dos dereitos culturais.
O Consello da Cultura Galega pon o lente nas «desigualdades estruturais» que impactan no exercicio dos dereitos culturais. O lugar onde se habita, a idade, o xénero, a situación socio-económica ou a presenza dunha discapacidade, explican, condiciona ese acceso e a propia participación.
Cobra especial relevancia no informe a situación do rural galego, onde o acceso a contidos culturais é «limitado». «A cultura non ten que ser levada ó rural: está nel», declara o documento. Con todo, o CCG denuncia a carencia de «políticas específicas que garantan a diversidade do ecosistema cultural» fóra do eido urbano. Nese sentido, a través dos relatos da cidadanía detectouse un elemento nocivo: o emprego do patrimonio natural propio «como valor engadido para eventos alleos á comunidade, sen retorno real para ela».
As respostas que deron os participantes nos diferentes coloquios evidencian a necesidade dunha «maior cogobernanza, procesos máis humanizados e espazos reais de participaión activa», de tal xeito que a cultura galega se convirta nun altofalante «de persoas e colectivos invisibilzados», segundo recolle o informe.
A partir desta diagnose, o informe formula unha serie de recomendacións que buscan avanzar cara a políticas culturais sostibles, descentralizadas e baseadas nos dereitos humanos. Destaca a reclamación de máis recursos para as normativas autonómicas en materia de cultura, a «abordaxe das desigualdades de xeito interseccional», ter «unha visión a longo prazo», desenvolver «metodoloxías próximas ao territorio», «valorar a cultura comunitaria» e afondar na comunicación cara á cidadanía.
- Detenido el exdirigente del PSOE coruñés Emilio Vázquez Blanco en una trama de contratos públicos en Portugal
- Del codo por la ventanilla a la gorra mal puesta: las infracciones más comunes al volante en Galicia cuando sube el termómetro
- El chivatazo de una herencia sin sucesor tiene premio en Galicia: un 10% del legado
- ¿Quién se queda con el piso de la vecina? La Xunta rastrea 560 herencias sin testamento en cinco años
- A Coruña ya compite con el Mediterráneo por los turistas del verano
- La cantante Rosalía se cuela en el comentario de texto de la PAU en Galicia
- Operación verano' en las carreteras gallegas: este es el 'look playero' que te puede costar multas de hasta 200 euros
- Cinco detenidos en Carballo tras un 'asalto táctico' de la Guardia Civil a una vivienda