Carlos Mella, un principio por riba de todo: «a defensa de Galicia»
O político, falecido este martes aos 95 anos, foi director de política financieira de Adolfo Suárez e un referente na primera etapa do autogoberno galego

Carlos Mella Villar, nunha imaxe de arquivo. / Iñaki Osorio
Mateo Garrido Triñanes
A morte de Carlos Mella aos 95 anos en Santiago pecha o percorrido vital dun dos protagonistas da primeira etapa do autogoberno galego. Economista, xurista e político, desenvolveu unha carreira marcada pola súa participación en distintos proxectos políticos e pola súa presenza en postos clave nun momento de configuración institucional autonómica.
Nado no Foxo, no municipio pontevedrés da Estrada, en 1930, Mella contou cunha sólida formación académica, con doutoramentos en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e en Economía pola Sorbona de París. Unha base intelectual que lle permitiría asumir responsabilidades tanto no ámbito estatal, como director de política financeira de Adolfo Suárez, como no galego, onde exerceu como vicepresidente da Xunta con Xerardo Fernández Albor entre 1983 e 1984.
Segundo lembran persoas que compartiron traxectoria con el, ese perfil intelectual e académico é fundamental para entender a figura de Mella. «Foi un político fondamente culto, unha característica que lamentablemente a día de hoxe non é tan común», relata un íntimo amigo. Porén, o que sobresae por riba de todo é o seu galeguismo: «Era un home cun enorme sentido da ética que, máis alá das siglas políticas, tiña moi claro cal era o seu papel: a defensa de Galicia».
E é que, ao longo da súa carreira política, Mella tivo responsabilidades en diferentes formacións. Entrou no Parlamento galego tralas primeiras eleccións autonómicas, en 1981, da man da UCD. Tras a descomposición do partido nas xerais de 1982, integrou o grupo de deputados que pactaron con Alianza Popular a súa entrada no Goberno galego de Xerardo Fernández Albor, asumindo a Vicepresidencia para asuntos económicos o 7 de marzo de 1983.
Nesa etapa, nun contexto de competencias limitadas e forte dependencia do Estado, promoveu medidas orientadas ao financiamento do desenvolvemento galego, entre elas a emisión de débeda pública para infraestruturas e programas de investimento que finalmente foi aceptada polo Goberno estatal. Porén, esta medida estivo tamén detrás da súa saída do Executivo autonómico en 1984, xa que a Administración central únicamente aceptou a emisión de 12.000 millóns de pesetas de débeda, cando Mella reclamaba tres veces máis.
Un dos momentos máis significativos da súa traxectoria institucional produciuse en 1983 coa polémica arredor da ofrenda ao Apóstolo. O rei Xoán Carlos I designou a Domingo García Sabell, delegado do Goberno, como representante na cerimonia en lugar do presidente da Xunta. Mella cualificou esa decisión como «un grave erro político» e unha ofensa a Galicia, ao considerar que esa responsabilidade debía recaer no mandatario galego. A reacción xerou críticas desde Madrid, mais tamén o respaldo de sectores galegos, incluído Manuel Fraga. «Cando vin o rei en Venezuela e que non viña ao Apóstolo, pensei: 'Carallo, que ocasión máis boa. Vou armar aquí a de Dios es Cristo!'», recoñecía irónico nunha entrevista á revista Luzes en maio do pasado ano. Finalmente, o monarca decidiu adiantar o seu regreso da viaxe oficial para presidir el mesmo o acto.
Trala súa etapa no Goberno galego, Mella participou en distintos proxectos políticos. Formou parte de Coalición Galega, coa que obtivo escano nas eleccións de 1986, e posteriormente do Partido Nacionalista Galego. Como representante desta formación foi tamén concelleiro no seu municipio natal durante o goberno de Elvira Fernández.
Nesa etapa chegaríanlle diferentes ofertas dende o PPdeG e a Xunta. «En 1989, Fraga pídeme se podo reunirme con el e con Elvira Fernández para ofrecerlles formar parte das listas nas eleccións autonómicas daquel ano. Unha proposta que el rexeita», explica a este diario un colaborador do expresidente da Xunta, que engade: «Trala vitoria electoral, proponse a creación do Consello de Contas que finalmente se constituiría en 1991. Fraga pensa nel para facerse cargo da Presidencia, pero tampouco aceptaría aquela proposta».
Finalmente, en 1994, Mella encabezaría as listas do BNG ao Parlamento Europeo, quedando preto de acadar representación. Unha formación á que continuaría ligado até o seu falecemento. Así, un dos últimos actos públicos nos que se lle viu foi nun mitin de Ana Pontón, xunto a Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, durante a campaña das eleccións autonómicas de 2024.
Ese percorrido por diferentes siglas non altera, segundo destacan voces próximas, a coherencia do seu posicionamento. «Mesmo por riba dos seus intereses persoais e políticos», explican, mantivo sempre como eixo central «a defensa de Galicia». Unha idea que se traducía tanto nas súas propostas económicas como na súa concepción da dignidade institucional do país.
A súa actividade estendeuse tamén ao ámbito académico e cultural, foi profesor na Universidade Complutense, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega —cargo que ocupou brevemente en 2001— e, desde 2013 ata 2022, da Fundación Castelao. Autor de diversos ensaios, deixou unha obra centrada na economía galega e na análise das súas estruturas produtivas.
Desde o ámbito cultural sublíñase precisamente esa capacidade de combinar coñecemento técnico e compromiso co país. «Era capaz de elaborar pensamento que permanece», sinalan, ao tempo que destacan a importancia de referentes que, como el, «construían país» desde múltiples dimensións e que sirvan de «exemplo», tanto práctico como teórico, para as futuras xeracións.
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- La Galicia que muere sin testamento: más de 30 familias obligadas cada día a acreditar quién hereda
- Los radares que más multan y que no dejan escapar a nadie en Galicia: inyectan más de 20 millones al año a las arcas de Tráfico
- Cuando el testamento no se hace y la herencia termina en los tribunales gallegos
- ¿En qué playas de A Coruña y el área metropolitana ondeará la bandera azul este verano?
- El chivatazo de una herencia sin sucesor tiene premio en Galicia: un 10% del legado
- ¿Quién se queda con el piso de la vecina? La Xunta rastrea 560 herencias sin testamento en cinco años
- Los coches en sentido contrario se disparan en Galicia: el triple que hace cinco años