O PSdeG denuncia o dato que retrata a política lingüística galega: 6 euros por habitante fronte aos 90 do País Vasco
Besteiro reclama triplicar o investimento en galego fronte a un PP que “converte a lingua nunha bandeira” e carga contra o "acoso e derrubo" da lingua
O socialismo galego, catalán e vasco activa na Coruña a súa ofensiva pola oficialidade lingüística en Europa

Besteiro, xunto a Inés Rey e Silvia Longueira, na xornada desta mañá na Coruña 'Ola Europa'. / Carlos Pardellas
O socialismo galego, catalán e vasco une forzas este luns na Coruña para reactivar a ofensiva polo recoñecemento das linguas cooficiais na Unión Europea. Baixo a xornada Ola, Europa, líderes das tres comunidades coordinan unha estratexia común para lograr a oficialidade en Bruxelas e equiparar os dereitos lingüísticos no exterior aos alcanzados no Congreso dos Deputados.
Na semana do Día das Letras Galegas, o PSdeG reuniu no Centro Cívico Cidade Vella a representantes do PSC e do PSE-EE nun momento clave para as negociacións en Europa, nunha xornada que busca reafirmar que o recoñecemento lingüístico non é só unha cuestión de identidade rexional, senón un dereito democrático esencial para a construción dunha Europa diversa e plural fronte á política de “acoso e derribo” da dereita, segundo denunciou o líder dos socialistas galegos, Xosé Ramón Gómez Besteiro, a quen acusou de instrumentalizar o uso do idioma e querer convertelo “nunha bandeira”, cando é "o noso patrimonio".
Na súa intervención, o líder dos socialistas galegos advertiu da necesidade de triplicar o investimento en Galicia en política lingüística. Sobre a mesa puxo as cifras: mentres no País Vasco se invisten 90 euros por habitante no impulso do euskera; e en Cataluña, 35 por veciño na potenciación do catalán; en Galicia o investimento quédase en 6 euros per cápita. “E despois sorpréndense de que o galego retroceda. Non é unha sorpresa. É unha consecuencia”, censurou.«Estamos ante un perigo de morte desexada por decisións políticas», censurou tras reclamar un pacto nacional sobre o galego e responsabilizar ao PP do «abandono» que sufre o lingua galega.
O "bilingüismo harmónico"
Besteiro puxo cifras enriba da mesa e tamén responsabilidades. Lembrou que o Goberno central leva investidos 3,5 millóns de euros desde 2023 no proxecto Nós, destinado a garantir a presenza do galego na intelixencia artificial, mentres que a Xunta, dixo, “achegou cero euros”.
O socialista evocou un dos momentos máis simbólicos da súa carreira: o día en que se escoitou da súa voz por primeira vez o galego no Congreso para defender a súa cooficialidade. Foi en setembro de 2023. “Foi un dos días máis importantes da miña vida política. Non polo cargo, non polo discurso. Pola lingua”.
A realidade sociolingüística avala a súa preocupación ante un idioma “abandonado”: a última enquisa do IGE certifica unha caída acelerada do uso do galego entre a mocidade tras 17 anos de “bilingüismo harmónico”, o eufemismo co que Alberto Núñez Feijóo, segundo Besteiro, “xustificou non protexer a lingua máis débil”. E finalmente cargou contra quen quere facer do idioma a súa bandeira. “O galego é un patrimonio, non unha bandeira”, sentenciou.
Besteiro cerrou o encontro cunha declaración de intencións: “Eu non quero que o galego sexa unha peza de museo. Non quero que sexa folclore. Quero unha lingua viva, na rúa, no traballo, no móbil, na escola”.
Modelos de referencia
O vasco Pau Blasi, voceiro de Política Lingüística do PSE-EE, achegou a perspectiva dun territorio onde máis do 40% da poboación fala euskera, “o dobre que nos anos 80”. A clave, explicou, foi a Lei do Euskera de 1982, pactada entre socialistas e nacionalistas, que consolidou un modelo educativo e administrativo estable. Blasi criticou a viraxe do PP, ao que acusa de abandonar o consenso histórico arredor das linguas propias.
Pola súa banda, Imma Ferret, do PSC, describiu a situación do catalán como “complexa pero reversible”. O Pacto Nacional pola Lingua, asinado hai un ano, marca o obxectivo de sumar 600.000 novos falantes en 2030. “Defender o catalán non é atacar a ninguén. É defender un patrimonio que é noso”, afirmou, citando o president Salvador Illa, tras destacar que seguirán traballando para impulsar o galego, o vasco e o catalán na Unión Europea. “É unha anomalía que isto non sexa xa unha realidade”, rematou.
Bruxelas, o taboleiro decisivo
O eurodeputado galego Nico González Casares debuxou o traballo silencioso que o socialismo leva tres anos facendo en Europa para abrir as portas da oficialidade. Un lobby intenso, dixo, no que participan tamén Javi López, Eider Gardiazabal e Laura Ballarín. “As maiorías están aí. Se non fose polas forzas conservadoras, isto sería xa hoxe unha realidade”, reivindicou.
A deputada Silvia Longueira concretou a proposta do PSdeG para esta lexislatura: triplicar o orzamento lingüístico —elevar o investimento ata niveis comparables aos doutras comunidades—, un novo pacto pola lingua —aberto a todas as forzas, seguindo os precedentes de 1983 e 2004— e blindar a produción propia da CRTVG, desbloqueando o Consello de Administración. Na súa intervención, cargou contra o “acoso e derribo” do galego, que dá como resultado a “execución rápida do que tanto se tardou en construír”.
Longueira insistiu na necesidade de que o galego estea presente “onde vive a mocidade”: plataformas dixitais, videoxogos, audiovisual e apps de aprendizaxe. “Unha lingua que non está no día a día da mocidade é unha lingua que se vai apagando por unha epidemia de xestión”.
- Detenido el exdirigente del PSOE coruñés Emilio Vázquez Blanco en una trama de contratos públicos en Portugal
- Del codo por la ventanilla a la gorra mal puesta: las infracciones más comunes al volante en Galicia cuando sube el termómetro
- El chivatazo de una herencia sin sucesor tiene premio en Galicia: un 10% del legado
- ¿Quién se queda con el piso de la vecina? La Xunta rastrea 560 herencias sin testamento en cinco años
- A Coruña ya compite con el Mediterráneo por los turistas del verano
- La cantante Rosalía se cuela en el comentario de texto de la PAU en Galicia
- Operación verano' en las carreteras gallegas: este es el 'look playero' que te puede costar multas de hasta 200 euros
- Cinco detenidos en Carballo tras un 'asalto táctico' de la Guardia Civil a una vivienda