Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Coruña, Estrella Galicia, o Dépor e a RAG: a mensaxe de Inés Rey que conecta galeguismo e orgullo local

"O galego é rebelde e bravú", destaca a alcaldesa na reivindicación dunha unha lingua moderna, urbana e sen complexos que ten o seu "berce" na Coruña

Na xornada 'Ola Europa', celebrada este luns na cidade,  a rexedora acusa á dereita de manter unha “cruzada” contra a cultura galega

A alcaldesa de A Coruña fala con Bernardo Fernández  xunto a Besteiro e o delegado do Goberno en Galicia.

A alcaldesa de A Coruña fala con Bernardo Fernández xunto a Besteiro e o delegado do Goberno en Galicia. / Carlos Pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Na xornada Ola Europa, que este luns xuntou na Coruña representantes de Política Lingüística do socialismo galego, vasco e catalán, a alcaldesa, Inés Rey, non quixo perder ocasión para marcar territorio: A Coruña como berce e músculo do galeguismo.

“Os Xogos Florais, as Irmandades da Fala, berce do galleguismo, a sede da Real Academia Galega… Naceron aquí”, proclamou, antes de lanzar unha guiñada cómplice: “A RAG está na Coruña desde 1906, ano clave tamén para o Deportivo e para Estrella Galicia”, xa que foi a data de fundación do clube deportivo e da cervexeira de José María Rivera Corral. A sala respondeu con risas, e a mensaxe quedou clara: galeguismo con ADN coruñés.

A rexedora lembrou que A Coruña foi o primeiro concello en izar a bandeira galega no balcón municipal, e defendeu o galego como un sinal de identidade “rebelde e bravú, como dicimos aquí”, con raíces fondas e un futuro en expansión.

No seu repaso emocional pola cultura local, citou nomes que forman parte do imaxinario colectivo: Os Diplomáticos de Monte Alto, Pucho Boedo, Sés, Manolo Rivas ou Luísa Villalta, á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 2024.

Tamén puxo o foco nunha idea que quixo deixar ben asentada: o galego non é só rural. “Houbo quen tentou pechalo nese marco, pero o paradigma cambiou. O galego chega con orgullo aos nosos fillos, do rural ao tecnolóxico”.

E para demostrar que o idioma latexa con forza, lembrou que esta semana das Letras pasarán pola cidade Tanxugueiras, Fillas de Cassandra e a Orquestra Bravú Xangai, , entre outros. “O galego é modernidade, é potencia cultural que traspasa fronteiras. É un galeguismo amplo e plural”, afirmou, antes de advertir contra a “polarización e discriminación” que sofre a lingua. “A dereita ten unha cruzada contra a nosa cultura”, denunciou, pechando cun chamamento a coidar o propio.

Pola súa banda, Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume e secretario do PSdeG na provincia da Coruña, definiu o galego como “unha fortaleza” e chamou a levalo a Europa como lingua cooficial nun continente “diverso e plural”.

Tracking Pixel Contents