Día das Letras Galegas
O galego inunda Santiago nun 17 de maio de reivindicación e festa
Milleiros de persoas denuncian a situación da lingua nunha mobilización multitudinaria
O galego inunda Santiago nun 17 de maio de reivindicación e festa: "Begoña Caamaño tería estado aquí con nós" /
O galego enche este domingo as rúas dun Santiago de Compostela no que se mestura o ambiente reivindicativo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o pouso das festas da Ascensión. Nunha mañá na que as nubes e o sol intercalanse no ceo, milleiros de persoas chegadas de todos os recunchos do territorio tomaron a Alameda para defender o futuro da lingua.
Ao son de gaitas e pandeiretas e entre berros de "agora e sempre queremos galego" e "a Galiza en galego", os cidadáns presentes foron protagonistas nunha manifestación na que se deixaron ver políticos, activistas e outros persoeiros da cultura galega. As pancartas en defensa do idioma convertíronse nun elemento máis da paisaxe da capital galega que vive estes días as súas festas.
"Chegamos a este día as máis de 400 entidades sociais que elaboraron o protocolo Lingua Vital cos deberes feitos. Somos a alternativa para reverter a situación de emerxencia lingüística. Pola contra, temos un Goberno da Xunta que se mantén no anuncio permanente e o único que vemos son accións regresivas contra o galego", sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, antes de que dera comezo a mobilización que percorreu as rúas do Ensanche para rematar na Praza da Quintana.
Entre os presentes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen sacou peito "por unha lingua propia" nun día no que a cidadanía expresa "que ama o galego". "Levamos 17 anos de derribo do PP contra a lingua que nos une", exclamou, ao tempo que sinalou que "quere enmascaralo baixo ese paraugas do plurilingüismo que é un timo".
"O galego non é unha carga", remarcou Pontón quen volveu acusar ao novo goberno de Lugo, liderado pola popular Elena Candia tras unha moción de censura, de "cargarse as políticas de apoio ao galego, dicindo que son unha carga". Urxiu, ademais, a actualizar a Lei de Normalización Lingüística, despois de 40 anos de vixencia porque “evidentemente, a sociedade galega de hoxe non é a de cando se aprobou”.
Tamén Paulo Carlos López, de Sumar Galicia, acudiu á manifestación, suxeitando, de feito, a mesma faixa que Pontón. Este reclamou ao ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, que volva levar á Unión Europeo a oficialidade do galego antes de que termine 2026.
A Praza da Quintana, punto onde finalizaba a mobilización, converteuse no escenario dunha "gran foliada", mentres a poucos metros, na rúa Nova, a Real Academia Galega celebraba o pleno extraordinario deste Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño e a Xunta conmemoraba a súa figura nun acto institucional.
"Begoña Caamaño tería estado aquí con nós"
Dende o escenario, a coordinadora de Queremos galego, Celia Armas, enxalzou a figura de Caamaño asegurando que "tería estado aquí, detestando as políticas negras da Xunta e defedendo o galego". Entre berros de "Begoña Caamaño, patriota galega", chamou a "continuar a súa loita" porque "falar en galego porque é o noso dereito".
"A nosa lingua é tan válida como calquera outra", insistiu Armas, quen instou a que, alén de manifestarse, pódese facer "moito" na vida diaria, con pequenos xestos como elixir o galego para xestións administrativas.
A ela tomoulle o testigo Maceira quen alegou que "Lingua Vital Xa non é un anuncio, é o futuro do galego". "Señor Rueda está a tempo de ratificar e deixar de ser o único presidente do mundo que renega do seu idioma", declarou ante unha praza abarrotada na que convidou aos presentes a "formar parte da alternativa": "Se nos queren invitar, adiante, este é o pacto de todas".
Deste xeito, acusou ao líder dos populares galegos de "axudar á regresión do galego", puntualizando que "insiste en prohibir o idioma no ensino, vetar o galego na UE e eliminar o departamento de promoción da lingua do Concello de Lugo".
- Detenido el exdirigente del PSOE coruñés Emilio Vázquez Blanco en una trama de contratos públicos en Portugal
- Del codo por la ventanilla a la gorra mal puesta: las infracciones más comunes al volante en Galicia cuando sube el termómetro
- El chivatazo de una herencia sin sucesor tiene premio en Galicia: un 10% del legado
- ¿Quién se queda con el piso de la vecina? La Xunta rastrea 560 herencias sin testamento en cinco años
- A Coruña ya compite con el Mediterráneo por los turistas del verano
- La cantante Rosalía se cuela en el comentario de texto de la PAU en Galicia
- Operación verano' en las carreteras gallegas: este es el 'look playero' que te puede costar multas de hasta 200 euros
- Cinco detenidos en Carballo tras un 'asalto táctico' de la Guardia Civil a una vivienda
