Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Plan xeral de normalización da lingua galega

A proposta de Pacto pola Lingua non convence á oposición: o BNG denuncia que dá "pasos atrás" e o PSdeG fala de "apartados demoledores" para o galego

A Mesa pola Normalización Lingüística pide a dimisión tanto do conselleiro José López Campos como do secretario xeral de Lingua, Valentín García

Queixas e Longueira, respectivamente, en rolda de prensa

Queixas e Longueira, respectivamente, en rolda de prensa / ECG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

"É un paso atrás para o galego con respecto ao Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004". Así de contundente se mostrou este xoves o BNG, despois de que onte o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, presentase a actualización do plan, concretado nun documento de 700 medidas, nun multitudinario acto na Cidade da Cultura. A portavoz parlamentaria de Lingua e Cultura do Bloque, Mercedes Queixas, trasladou o malestar da súa formación alegando que "o pacto auténtico fixa no 50 % o mínimo de ensino en galego, algo que elimina o presentado onte".

Nunha rolda de prensa na Cámara galega, Queixas expuxo que "non é" un plan "a favor da nosa lingua", senón que se trata "dun paripé do Partido Popular para tapar 17 anos das súas propias políticas". A deputada asegurou que a información da que dispoñen é que "parte das medidas propostas polos expertos non lograron pasar o filtro de San Caetano, sobre todo as relativas ao ensino".

"Mantén o decreto da vergoña que colocou o idioma na peor situación da historia", sinalou acerca do decreto de plurilingüismo, aprobado no 2010 baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, que limita o uso do galego no ensino. Queixas manifestou que as xeracións educadas baixo este decreto son "as que menos falan o idioma, non porque non queiran, senón porque non saben". "A este ritmo o galego podería desaparecer en dez anos entre as crianzas e a xente nova", apuntou ao tempo que engadiu que "o PP está a conseguir o que non puido o franquismo, que o galego despareza".

A nacionalista sinalou tamén a "gran ausencia" de onte e é que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non acudiu á presentación, algo que, ao ver de Queixas reflicte "o pouco que lle importa a lingua, e non se molesta nin en disimulalo". Así, cuestionada sobre as declaracións feitas polo PPdeG, quen se mostrou aberto a negociar, a deputada declarou que "o BNG sempre vai estar sentado en calquera mesa de diálogo", pero que se o Goberno da Xunta "quixera mudar o decreto, xa o tería feito".

"Atallar a situación de crise que padece o galego non está entre as súas prioridades"

Pola súa banda, a través dun comunicado de prensa, a portavoz de lingua e cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, puxo tamén o foco no apartado da proposta da Xunta referido á educación. "Hai enunciados tan demoledores como ‘promover unha presenza equilibrada das dúas linguas oficiais na educación infantil'", advertiu, para, a continuación, subliñar que "unha lingua é minorizada e outra non”.

Nesta liña, referiuse a medidas concretas como "a incorporación do galego ás actividades de socialización no ámbito educativo", algo que considera que debería ser "importante", pero que se aborda apelando a ese "equilibrio que non responde á realidade". Ao ver de Longueira o texto "deixa ao azar" outras cuestións como a transmisión do galego entre xeracións. Por iso, sinalou que o Partido Popular "demostra que atallar a situación de crise que padece o galego non está entre as súas prioridades, senón máis ben ao contrario".

A Mesa pola Normalización Lingüística esixe a dimisión do conselleiro de Lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística ofreceu tamén este xoves unha rolda de prensa na que esixiu a dimisión tanto do conselleiro de Lingua como do secretario xeral de Lingua, Valentín García, tras a presentación onte da proposta para actualizar o Plan xeral de normalización do galego. "O espectáculo de onte sería cómico se a situación non fose tan dramática", lamentou o seu presidente, Marcos Maceira.

Na mesma liña que o BNG, declarou que o documento compartido polo Executivo galego "rebaixa os acordos unánimes do PXNLG de 2004". "A revisión actual do PP emprega verbos como fomentar, impulsar, promover, sensibilizar ou favorecer, como se a Xunta non tivese capacidade de actuación para mudar as normas que exclúen o galego ou como se non fose, directamente, a responsable da súa creación e aprobación", aseverou.

Sobre o ensino, Maceira insistiu na idea de que a Xunta "chantaxea" á sociedade galega "con manter o desastre actual sen non se aceptan as súas condicións". Así, insistiu en que tampouco recolle "medidas claras e contundentes para asegurar a oferta positiva en todos os servizos".

Fuente: El Correo Gallego

Tracking Pixel Contents