O portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou a dimisión da valedora do Pobo, Milagros Otero, logo de coñecerse o fallo do TSXG que anula a designación de María Puy Fraga como xefa de servizo de Administración e Persoal ao determinar que Otero intercedió no proceso de selección para que o posto recaese nesta persona, coa que mantén relación.

En Marea lembra que María Puy Fraga é filla do catedrático de Dereito Francisco Puy Muñoz do que Otero é discípula e, á súa vez, irmá do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga. O partido instrumental considera que a valedora "non pode continuar nin un minuto máis" á fronte dunha institución "que debe mirar polos dereitos dos galegos".

"Non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos de poder actuase abusando do seu poder para enchufar a xente próxima a ela", afirma Villares, como recolle un comunicado remitido este sábado en que cualifica os feitos probados polo tribunal como "inaceptables e indignos".

Nesta liña, engade que o feito de que Otero "enchufase a unha amiga súa" supón un "desprezo" polo resto de candidatos ao posto, cuxos méritos, segundo recolle a sentenza, non foron tomados "en consideración".

O Partido Socialista de Galicia esixe tamén a renuncia da Valedora do Pobo, Milagros Otero por "responsabilidade política", tras a sentenza do TSXG que constata "desvío de poder" e "arbitrariedade" no nomeamento da "irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy".

Nunha nota de prensa, os socialistas galegos fan referencia a que o alto tribunal galego obriga a repetir a convocatoria alegando que hai "sobrados datos" de que a elección "non se guiou polos principios de igualdade, mérito e capacidade, senón polo desexo de adxudicala a unha das candidatas".

O PSdeG considera que a actual Valedora non debería continuar á fronte dun órgano encargado de "velar polos dereitos de todos e todas".

O Valedor do Pobo, sosteñen os socialistas, debe "estar rexido pola lei e garantir a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía", polo que afirman que se trata dunha sentenza "de enorme gravidade" que esixe unha reacción acorde que "deixe limpa a imaxe e a exemplaridade" da institución.