Antonio Fraga (Teixeiro, 1967) tomará posesión o vindeiro martes da súa acta de deputado no Parlamento galego. Subliña que iso será posible grazas "a un traballo de moitos anos" no que o axudou "moitísima xente" e tamén "ás circunstancias". "As veces téñense que producir varias para que alguén coma eu, un simple concelleiro nunha localidade pequena, chegue a parlamentario". No seu caso, á renuncia de varios deputados autonómicos para dispor do bastón de mando, xa que o cargo é incompatible co de alcalde. A piques de entrar na Cámara autonómica, ten claro que "a municipal é a base da política, igual que a familia o é da sociedade".

-Cando e por que decide entrar na política?

-Despois da vida académica e de facer o servizo militar puxen un par de negocios en Teixeiro. Considero, nese momento, que o Concello, os servizos municipais, deberían funcionar mellor do que funcionaban. Tiven problemas incluso coas licencias municipais, cando non debera haber ningún. Dende a miña actividade profesional vía que as cousas podían cambiar para mellor e foi por iso polo que me decidín a presentarme en 1999 ás eleccións.

-Que estudiou?

-Estudiei Dereito e deixeino en terceiro curso. Logo fixen un máster en xestión medioambiental e desenvolvemento sostible e algúns cursos máis referentes ao medioambiente e ao urbanismo, sobre todo.

-E os negocios, aínda os leva?

-Montei un negocio de hostelería e logo un supermercado, pero xa están alquilados.

-Que sucedeu en 1999 no Concello de Curtis?

-Fixemos un pacto de goberno entre a candidatura do outro alcalde, Javier Caínzos (PP) mais a miña. Fixemos un pacto polo que eu sería alcalde ata o 2001 e do 2001 ao 2003 seríao Javier.

-Algo pouco habitual...

-Non coñezo outro pacto no que se respetasen as palabras dadas e os compromisos adquiridos. Debeu de ser o único sitio en Galicia.

-Cando decide abandonar o PSOE e entrar no PP?

-Aos dous ou tres meses de acabar a lexislatura 1999-2003 decido non volver presentarme (a alcalde), porque o meu era seguir cos negocios que tiña e vin que as cousas que xa cambiaran. Parecíame que Javier o ía facer ben como alcalde, como así foi e decidín deixalo. Entre dous e catro meses antes das eleccións avisei á organización comarcal do PSOE para que buscase outro candidato. Despois na política municipal fas amigos, amistades... No meu pasado tiven amigos moi relacionados co Partido Popular e ao final pois a oferta que nos fai o PP para ir baixo as súas siglas e os compromisos co Concello eran demasiado bonitos como para dicir que non. Pideumo varia xente, tamén Javier Caínzos e decidín ir no PP, dando as explicacións necesarias ao PSOE, incluso ofrecéndome a explicalo na Casa do Pobo de Betanzos, cousa que non se produciu, pero non porque non quixera.

-Pero en 1999 non foi a súa estrea en política.

-Aló polo 1993 pedíromme que organizara o PSOE en Curtis e fora tamén polo PSOE nunha candidatura en 1995, pero nun posto moi retrasado.

-Contaba con saír deputado?

-Non, en principio non. Cando se gana por maioría absoluta en 2009 si era coñecedor de que o presidente Feijóo quería que os deputados traballasen a tempo completo, dividir o tema goberno e consellerías do que eran os deputados, co cal os altos cargos, conselleiros, directores xerais... abandonarían o Parlamento. Aí comeza unha etapa na que si pensas que podes entrar, pero sen maior historia. O meu traballo está adicado plenamente ao Concello. Pensas si xorde xordee se non, non pasa nada tampouco. O que teño claro e que me debo aos veciños e ao Concello, que é polo que entrei en política e polo que vou seguir en política. Esto de estar no Parlamento considero que é circunstancial, en calquera caso.

-Compatibilizará o seu labor coma deputado co de concelleiro?

-Si, vou intentalo.

-Xestionará de novo medioambiente?

-Iso é competencia do alcalde. Coido que si, pero teremos que falalo.

-É cedo mais ten xa algunha iniciativa urxente para Curtis?

-Teño varias na cabeza, pero gustaríame falalas cos grupos municipais e cos alcaldes da zona. A vida municipal dache para pensar moitas veces en cousas que lle pedirías ao Parlamento ou ao Goberno da Xunta.

-Xa o pararían para facerlle peticións.

-Hai de todo, sobre todo pequenos e medianos empresarios e profesionais liberais que xa teñen falado comigo e me teñen plantexado problemas cos que se atopan na súa vida profesional, pedíndome que leve a cabo algunha iniciativa, sobre todo nestes tempos (de crise).