Nesta primeira semana no Concello Daniel Oca e os seus socios de Goberno tiveron como principal tarefa a de contabilizar as facturas pendentes dos seus antecesores para ter todo listo antes do 15 de marzo. O primeiro tenente de alcalde recoñece que "non hai un euro", pero amósase satisfeito do acordo co Partido Popular para desbancar do poder a Ramón Vigo. Destaca o bo entendemento entre as dúas forzas e as ganas de traballar para abrir unha nova etapa.

-Esperaba que a débeda fose tan elevada, de máis de 3 millóns?

-Sabiamos que había unha cantidade importante e sempre o dixemos, pero aínda quedamos cortos.

-Cales son agora as súas prioridades?

-Agora toca pagar facturas e tapar as vergoñas do que marchou. O prioritario é elaborar o orzamento porque temos prorrogado o de 2010 e así non se pode traballar, e temos que seguir prestando os servizos básicos da Administración.

-Tocará revisar algunha taxa para que cadren as contas?

-Si, haberá que revisar varias porque así non se pode seguir. Por exemplo, é imposible que a escola de música siga funcionando como ate agora porque resulta imposible e algo temos que facer para seguir prestando o servizo. Tamén temos que cambiar o asunto das festas porque non se pode pagar nada coa caixa B.

-Que tal a primeira semana de traballo co Partido Popular?

-Ben. Hai un bo entendemento entre nós. O que temos que facer é organizarnos ben, que haxa unha boa comunicación entre nós para que a xente non perciba que hai dous gobernos.

-Non se arrepinte da decisión tomada.

-Para nada. Para min é un reto. Aquí hai moita marxe de mellora e as cousas pódense facer moito mellor. Non temos cartos pero si temos moitas ganas de traballar. Aquí ate agora as contratacións facíanse por filia política e isto hai que cambialo. Imos facer unha bolsa de contratistas do Concello, publicar todos os procesos de selección de persoal, sacar a concurso todas as obras, garantizar a transparencia e equidade de todos os concursos públicos... Que a xente vexa que as portas están abertas para todo o mundo.

-Este pacto costoulle a súa expulsión do BNG.

-Nós presentamos alegacións contra iso, e aínda que non atendan a elas seguiremos sendo nacionalistas e de esquerdas sempre.

-O bipartito durará máis de 19 días e 500 noites, como lle pronosticou Ramón Vigo?

-Que empece a restar que xa van uns días. Estou convencido de que si, porque os dous grupos temos claro que o importante é sacar adiante o traballo e non buscar enfrontamentos.

-Os dous grupos dixeron que apartarían as diferencias ideolóxicas.

-Tanto como apartar... Intentaremos minimizar a nosa ideoloxía e esforzarnos por xestionar porque aquí hai moita falta de xestión. E hai suficiente traballo para todos sen pensar nas nosas ideoloxías.

-Por que non houbo pacto despois das eleccións e foi necesaria agora unha moción de censura?

-Porque daquela non chegamos a un acordo. Había un empate técnico entre os que querían e os que non, pero agora foi unha decisión case unánime da asamblea local. Non se podía seguir así, xa dixemos que era una obriga un cambio de goberno, por hixiene democrática.

-Pero daquela estaba máis próximo o proceso da operación Orquesta e as imputacións do exalcalde.

-Si. Pero cando un non está decidido non se poden forzar as cousas. E a situación foi empeorando e entón foi cando tomamos a decisión dun cambio.

-Tivo algúns reproches estos días por pactar co PP?

-Sei que a algunha xente non lle gustou, aínda que a min persoalmente todo son felicitacións. Ate agora só houbo unha persoa que me criticou e esa non era de Cee.

-Que previsións ten a corto prazo na súa área de Promoción Económica e Emprego?

-Temos que botar a andar dende cero porque non estaba creada, xa que ate o de agora ninguén lle dera importancia e non temos persoal. Será algo máis complicado do que pensabamos para empezar, pero iremos pouco a pouco.

-Rematarase por fin a Casa de Cultura, empezada hai 12 anos?

-Esperemos que se remate canto antes. Todos os días lle darei o recado a alcaldesa para que traia fondos da Diputación...