22 de septiembre de 2013
22.09.2013
CAMBRE - CULLEREDO
CULLEREDO

Vinte anos sen o crego da loita social

Van dúas décadas desde o falecemento de Moncho Valcarce, o cura de Sésamo e edil do BNG en Culleredo, con peticións dunha rúa na parroquia onde exerceu e outra na Coruña

22.09.2013 | 02:37
Moncho Valcarce, durante mobilizacións sociais e celebracións na igrexa de Sésamo. / la opinión

"Culleredo foi o primeiro concello no que ondeou a bandeira galega nos días das Letras e da Patria. - foi porque Moncho Valcarce estaba de primeiro tenente de alcalde", asegura o secretario da irmandade en honra ao cura de Sésamo. Cúmprense vinte anos do falecemento do párroco e político que predicou co exemplo de que a Igrexa debe servir ao pobo e chamou ao pobo a loitar polo seus. Peticións dunha rúa para Valcarce en Sésamo e na Coruña, onde naceu, recuperan a figura do líder da loita social da Galicia da transición

Debe quedar aínda en Sésamo máis dun veciño que ten comulgado con pan de Carral e viño do país. Era o tempo no que a igrexa cullerdense non tiña confesionarios, a misa dábase en galego e as cerimonias non se cobraban, todo por decisión dun cura que, dende Culleredo, sacudiu Galicia. Moncho Valcarce -Don Ramón para algúns feligreses- revolveuse contra a xerarquía e as tradicións eclesiásticas e encabezou loitas sociais en toda Galicia. Este ano cúmprense dúas décadas da morte do crego con peticións dunha rúa en Sésamo, onde exerceu o sacerdocio de 1971 a 1987, e na Coruña, onde naceu.

"Todos tiñamos medo de que os feligreses, moitos deles xente maior, non o entenderan. - a primeira vez que foi detido e mandaron outro cura para dar misa, un piquete liderado por xente maior púxose á porta da Igrexa e dixo: 'Aquí ata que veña Don Ramón non da misa nin Dios'", conta o secretario da Irmandade Moncho Valcarce e amigo persoal do crego, Xácome Santos, como proba do afecto acadou Valcarce na parroquia. Dende o templo, o crego chamou ao pobo a loitar polos seus dereitos. "El propuxo que un terreo da Igrexa que podía valer moitos cartos se adicara ao que quixeran os veciños. - escolleron un campo de fútbol, que hoxe leva o seu nome. "O arzobispo chamouno a capilla, pero Moncho convenceuno", afirma o secretario da irmandade. "El defendía que a Igrexa tiña que traballar para o pobo", relata Xácome. A súa filosofía convenceu: "A xente protestou cando o sacaron de Sésamo e o mandaron un ano a facer 'exercicios espirituais' a Salamanca". De volta a Galicia, foi destinado ás Pontes.

"A xente coñéceo como 'o cura das Encrobas', aínda que nunca foi párroco alí, porque liderou a mobilización, igual que todas as máis importantes en Galicia daquela", lembra o seu amigo, e asevera: "Foi un referente a nivel social, político e cultural". Ademáis da súa labor institucional, como tenente de alcalde de Culleredo polo BNG, e o seu papel líder no social, Varcarce traballou tamén desde a casa reitoral en que vivía, onde se reunían grupos políticos prohibidos e había unha multicopista. O seu carisma lucía tamén de preto: "O home que estivo ingresado con el cando enfermou, de dereitas e do Opus Dei, ven todos os anos ás ceas da irmandade. A nivel humano, Moncho tiña unha profundidade impresionante".

"Cando morreu meu sogro, enterámonos de que lle pedira a Moncho o certificado canónico. Moita xente nos dicía que a voda non valera tal e como a fixera 'ese rojo'. Até meu home bromeaba con que non estabamos casados", conta Marisa Lijó, casada en Sésamo en 1976. "Non houbo ni 'si, quero', nin 'eu declárovos marido e muller', nin nada diso. Era menos cerimonioso que outros máis tradicionais. Nós nos quixemos moita cerimonia e respetóunolo. Aínda que despois pesoume; con el sería bonita", reflexiona Lijó. Veciña da Coruña, Marisa e o seu home, Jose Añón, recorreron a Valcarce, ademais de pola sinxeleza da voda, por concordancia coas súas ideas. "Gustábanos como pensaba e que axudaba á xente", conta. O pensamento político do crego colábase no exercicio sacerdotal: "O día da nosa voda fixo tamén un bautizo e ao neno, David, desexoulle medrar 'nunha Galiza ceibe e socialista'".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es