Bieitta James e Pepe King, coñecidos nas súas casas como Iseo e Brais, recalaron onte na Libraría Biblos, en Betanzos, para presentar un disco de blues "cargadiño de retranca". Un álbum ideal "para soar no galpón", "na chalana a todo meter" ou "na cociña mentres se fai un caldo", como relata este dúo, que leva meses rodando por Galicia para presentar o primeiro disco de blues do país: Bateas no Mississippi.

A súa reinterpretación de clásicos como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Mátasme amodo) ou Mercedes Benz (Chimpín) non deixa a ninguén indiferente. Eles amosan que é posible facer blues no idioma do país. Extraer o soul dos cultivos de millo, como se fixo en tempos pasados nos campos de algodón no outro lado do charco.

"A idea xurdiu polo paralelismo que atopamos entre Galicia e a súa idiosincrasía, a súa morriña e retranqueo, co feelin' blue de Mississippi e Lousiana", explica Iseo Agilda, que se embarcou co seu compañeiro de Sacha na Horta na aventura de "darlle un golpe de retranca a eses acordes bluseiros". Algunhas versións respetan o espíritu do tema orixinal. Se Janis Joplin pedía a Deus un Mercedes Benz, Bieitta James reza por un chimpín. "Unha Janis Joplin que nacera na Terra Chá pois que iba a pedir, un chimpín, que é o que máis farda!", bromea.

Outros clásicos do blues sufriron unha transformación radical. É que Bietta James e Pepe King non dudaron en darlle a volta a pezas como I just want to make love to you, de Etta James. "O tema xa empezaba cunhas frases que me horrorizaban, en plan, quero ser a túa escrava, por ti vou facer de todo, cun rol de muller sumisa... E a nosa letra ven a dicir todo o contrario, que non vou a ser a túa escrava pero que a mandanga si a quero, que presta un montón", comentaba onte Iseo entre gargalladas.

As fotografías de Alberte Peiteável que ilustran o álbum son xa toda unha declaración de intencións deste dúo: Atuendo blues ó estilo galego. O seu próximo paso será facer videoclips "en sitios peculiares da rexión, que teñan ese punto de blues do país".

Bieitta James é natural de Oza dos Ríos, aínda que se considera "ourensana de adopción". Pepe King (Brais das Hortas) vive en Santiago. El "leva tocando desde que lle saíron os primeiros grans na nariz". "Eu cantaba na ducha e onde me deixaban ata que sain á luz con Sacha na Horta e me quitei todas as vergoñas dun golpe", relata.

A conciliación da súa vida persoal e laboral coa gravación do disco e a xira por Galicia non resultou sinxela. Ambos teñen fillos. Ela é caxeira nun súper. Él é unha das patas do contacontos A Tropa de Trapo. "Costounos arrincar polas nosas situacións vitais, tivemos que facer malabarismos, pero o repertorio foi saíndo moi rápido, enseguida lle coximos o tranganillo.", relata Iseo. O dúo conta con tocar na Coruña en novembro, xa prepara "un espectáculo que vai a ser a repera", e agradece a boa acollida que está a ter o seu disco. "A xente responde moi ben, gusta moito", celebran.