Antonio Camacho Lovato, 45 anos; Antonio Montoya Camacho, 16 anos, e Manuel Giménez Montoya, 14 anos. Causa oficial da morte: hemorraxia menínxea e dislocación do tecido cerebral. Causa real: estes tres membros dunha familia de cesteiros de etnia xitana foron paseados no 36, mortos por culpa da dictadura franquista. Os tres están enterrados ao ladiño da entrada da igrexa de Santaia de Liáns en Oleiros, tres lápidas no chán, dúas de mármore branca e outra negra, que son testemuña dun axusticiamento sobre o que aínda existen moitos interrogantes, ata o punto de que en algúns libros sobre a represión franquista non figuran os seus nomes.

Os xitanos tamén foron víctimas do franquismo ainda que moitas veces a súa historia pase máis desapercibida, quizais porque naqueles tempos non se rexistraban e se movían máis dunha localidade a outra. Sí se lembran deles dende o proxecto Nomes e Voces, que ten anotados os seus datos básicos. Sinálase neste rexistro que Antonio Camacho, de 45 anos, era natural de León; o seu sobriño Antonio Montoya, de 16 anos, nacera en Asturias; e outro familiar, Manuel Giménez, de 14, era veciño de Valdeorras (Ourense). Os tres eran cesteiros e o seu cadáver apareceu en setembro do 36 nalgún sitio de Montrove.

A falta de investigación profunda sobre este suceso deixa ver contradiccións coma que nas tumbas aparece o mes de outubro do 36 como data de falecemento e nos rexistros figura a data do 30 de setembro.

O escritor Manuel Rivas liu un texto en homenaxe ás víctimas do franquismo no nadal de 2010 no teatro Rosalía de Castro de A Coruña, un dos poucos que lembrou o caso dos cesteiros xitanos matados en Oleiros, e contou que foron apreixados "por un grupo de criminais fascistas aos que lles fuxira outro obxectivo". Outras fontes, veciños da parroquia de Liáns, comentan tamén que esta familia foi collida por casualidade, porque "tiñan que matar a alguén".

Manuel Rivas destacou que os tres están enterrados na zona onde se sepultaba aos nenos (de feito ao lado hai unha tumba dun meniño morto nos anos vinte) e fóra do cemiterio. Sobre as súas lápidas sempre hai unhas flores. "Tiñan familia en Ferrol, pero a muller que sempre viña morreu hai tres anos", comenta un veciño da parroquia. Detrás destas lápidas hai unha pequena cruciña de Manuela Pan, morta en 2001, e cuia bondadade queda reflexida na frase que fixo esculpir. "Pido a Dios por mi esposo y mi hijo". Nada para ela.

Hai autores como Carlos Santander que tamén teñen lembrado a estas víctimas, ainda que de novo se produce unha contradicción, dí que eran catro pois outro dos xitanos tiña o mesmo nome que o rapaz de 16. Santander sí reflicte que o neno de 14 anos morreu dez días despois, o 10 de outubro. Conta tamén que os cadáveres deixáronos de madrugada na carretera de Perillo, á altura de onde estaba o colexio Videlba.

Este autor defende que as brigadas represoras os elixiron porque nunca mataran a un xitano. Relata ademais que o entón cura párroco de Liáns, Antonio Rocha, negouse a dar os nomes duns militantes de sindicatos de esquerda e pedíu que o prendesen a el.