Na fronte, a praia e o paseo marítimo; á esquerda, o río, o parque do Emigrante e a plaza Esther Pita; e detrás o parque Luis Seoane. Dos catro lindeiros do solar do antigo Maxi de Santa Cruz, tres están ocupados por zona verde ou espacio público. Os veciños de Santa Cruz saben que agora mesmo teñen a única e última oportunidade de conseguir que o propio terreo do Maxi sexa tamén público e queren pelexar pola beleza do seu pobo. A parcela foi onte o escenario onde se presentou oficialmente a Plataforma Veciñal Santa Cruz Aberta ao Mar, nada hai só dúas semanas para conquerir este obxectivo e xa ten blog propio, conta en Facebook e Twitter, correo electrónico e recollida de firmas en Change.org (onte ían 149).

"A paisaxe é o noso ben máis preciado e queremos loitar para mantela. Levamos pouco tempo, pero cada día somos máis. Temos unha comisión de doce persoas, facemos asambleas e preparamos iniciativas para conseguir que o pobo teña unha visión do mar e do noso patrimonio histórico, da paisaxe, sen apantaiamentos", explicou unha das voceiras da plataforma, Isabel Torrado.

O colectivo veciñal lembrou como en todos estos anos o Concello de Oleiros se significou na recuperación do borde marítimo e sempre intentou eliminar pantaias sobre a paisaxe, ademais de tentar sempre aumentar as zonas verdes e espacios públicos polo que queren que "se continúe con esa política" e se siga "sendo o que sempre foi".

Os veciños agradecen que o alcalde permitise unha oportunidade de negociación co propietario do solar para intentar conquerilo para o dominio público e esperan que a xestión encomendada ao BNG obteña froitos aínda que destacan que as xestións políticas non teñen que ver con eles, que só falan a nivel cívico do que cren que é mellor para o seu pobo e polo que queren loitar.

Unha das veciñas que se achegou ata a concentración de presentación pediu follas de firmas para repartir por outras parroquias. Un rapaz comentou que cando ía á discoteca Osmik do antigo Maxi moitas veces se inundaba porque o mar chegaba alí. Ademais, o paseo marítimo por debaixo, de pedras, ten moitos ocos pola acción da auga e o tempo (máis de cen anos sen ningunha obra), polo que non sería descartable que se filtrasen aos sotos previstos no futuro hotel.