O 15 de agosto de 1936 foi un día feliz para a escritora Syra Alonso: conseguiu que a Garda Civil soltase ao seu marido, o pintor Francisco Miguel Fernández Díaz, despois de ser prendido había uns días logo dunha denuncia falsa dun veciño, un militar que residía en Santa Cruz. A felicidade durou ata o 19 de setembro, cando foi levado de novo á cárcere. Días despois os veciños de Carballo viron catro corpos tirados nunha carretera. Un deles, coa cabeza desfeita e as mans mutiladas, era o do artista Francisco Miguel, que xunto coa sua dona viviran algo máis dun ano no número 9 da rúa do Souto en Coruxo de Abaixo, un fogar ao que chamaban A Casa da Felicidade, unha vivenda que se pode ver aínda hoxe, cun xardín no que medran roseiras, vides e un limoeiro. A esta parella de artistas dedica hoxe o BNG de Oleiros o Día da Galiza Mártir, cun acto na praza da Liberdade de Nós.

Se o ano pasado se lembrou nestas datas a construcción da Casa do Pobo de Nós e a forte represión que houbo nesta parroquia a causa do seu gran activismo agrario e sindical, este ano o BNG quere recuperar a memoria do pintor Francisco Miguel e a sua muller, xa que viviron un tempo en Santa Cruz e non hai nada que recorde a súa estadía polo municipio, nin unha placa na casa nin unha rúa co seu nome.

Os nacionalistas lembran que en 2013 pediron un recoñecemento público para Syra e Francisco Miguel, sen conseguilo polo dagora, aínda que a súa historia si foi lembrada nun exposición na biblioteca municipal de Santa Cruz ademais de ser obxecto de estudo de alumnos do instituto nun Roteiro Literario.

O acto do Bloque terá lugar hoxe ás 20.00 horas con Isabel Risco de presentadora e as actuacións musicais de Moncho do Orzán e Miro Casabella. Haberá unha intervención poética a cargo do escritor Cesáreo Sánchez e unha intervención política coa vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín.

O BNG lembra que leva organizando de forma ininterrumpida dende hai 19 anos este evento, a única iniciativa relacionada coa recuperación da memoria histórica e o recordo das vítimas da represión franquista no municipio. A este acto súmanse a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña, a Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, a Asociación de Veciños Os Rueiros de Nós e Galiza Nova. Uxío Pedreira, da biblioteca de Santa Cruz; Manuel Ferreiro, veterano activista veciñal; e Manuel Monge da Memoria Histórica, presentaron o acto diante da que foi a casa de Francisco Miguel e Syra.

Manuel Ferreiro, que cada ano elabora a documentación relativa ás personaxes homenaxeadas, lembra nesta ocasión que gracias ás esmolas dos labregos puido pagarse un féretro para o corpo de Francisco Miguel, unha das figuras da vangarda cultural coruñesa e que foi amigo de persoeiros coma Picasso, Carpentier, León Felipe, Siqueiros ou Diego Rivera, ademáis de Mazas, Vilar Ponte ou Luis Seoane.

Enterrado en Carballo, xunto ao corpo deste pintor, escultor, ilustrador, crítico de arte e libreiro, apareceu tamén o cadáver de Juan Boedo Pardo, veciño da Coruña de 28 anos e de Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, xunto co seu fillo Pedro de 21.

Andrés Pinilla, segundo lembra Ferreiro, foi un dos promotores da compra dos terreos para a construcción da actual Casa do Pobo de Nós. Outros dous fillos de Pinilla, Enrique de 23 e Andrés de 29, tamén foron paseados en A Coruña no 36.

Tras o asasinato do seu home, Syra fuxiu de Santa Cruz cos seus tres fillos cara México, onde ela viviu ata a súa morte en 1970. En 2000 A Nosa Terra publicou os diarios que escribiu Syra despois de traelos de México o seu fillo Juan Ramón. Ela contou neles como viviu a traxedia, revelou o nome de todos os que tiveron parte na represión de Francisco Miguel, as "catro vívoras" de Santa Cruz, e lembrou con morriña Oleiros: a praia da Aguieira, os montes de Mera.