Primeiro a oposición do BNG, logo a mobilización dos veciños e a creación dunha plataforma, despois tema de campaña electoral e agora o debate sobre o uso do solar do antigo Maxi de Santa Cruz culmina coa constitución recente dunha asociación cultural que preside Ramiro Vidal.

-Vostede está no movemento de oposición a que se constrúa no solar do antigo Maxi dende o comezo.

-Entrei na Plataforma Santa Cruz Aberta ao Mar ao mes de iniciarse, despois daquela asamblea aberta feita en setembro de 2014. Eu son veciño de Santa Cruz dende hai casi 28 anos e non coñecía esta perspectiva da costa até que se derrubou o Maxi. Moita xente dixo entón que coa desaparición do edificio marchaba un cacho da historia da localidade, pero ao mesmo tempo os veciños tamén descubrimos unha nova vista, unha nova paisaxe. Agora ves o castelo dende a estrada, dende o parque... E esta nova visión fixo pensar aos vecinos.

-E como xurdiu a idea de pasar de plataforma veciñal a asociación cultural?

-Despois dunhas xornadas técnicas que fixemos en Bastiagueiro, os da asociación en defensa do parque Rosalía en Lugo aconselláronnos adquirir personalidade xurídica, eles fixérono e foi atinado. Ao ser asociación rexistrada podemos obter información, personarnos en xuízos. Permítenos resistir máis, sobre todo se isto vai para longo.

-Que persegue esta asociación cultural?

-Nos estatutos dicimos que os fins son a defensa do patrimonio, da paisaxe e do medio natural. Esto casa coa finalidade que tiña a plataforma porque a construción no solar do Maxi suporía un deterioro na paisaxe e afectaría a un espazo natural de interese local, afectaría á biodiversidade e tamén ao patrimonio, polo castelo que está declarado BIC. Cando pase o verán teremos reunión e deseñaremos un calendario de actividades. Tamén hai que estar á espera de movementos, ver que pasa co recurso do empresario contra o Concello por negarlle a licenza do apartotel.

-O que empezou cunha pequena protesta veciñal converteuse nunha bola de neve, levou ao alcalde a facer algo tan insólito como delegar nun concelleiro da oposición para negociar a adquisición do solar, o resto dos partidos sumáronse, e hoxe aínda non hai nada construído no solar.

-Aínda que o alcalde nunca o recoñecería, os movementos da plataforma condicionaron os movementos do alcalde, a plataforma marcou o discurso. Para que o alcalde tivese que dar explicacións? e foi porque nós antes fixemos presión. El non está afeito a que as decisións urbanísticas sexan cuestionadas polos veciños, é algo insólito o que pasou no concello co Maxi, nunca nestes últimos anos se deu o caso de que unha decisión urbanística fose tan claramente contestada. Mesmo xente que vota a Alternativa dos Veciños manifestaba que estaba en contra de construír no solar. E Alternativa non ten claro tampouco os beneficios deste proxecto.

-Cre que se non xurdise a plataforma hoxe estaríase empezando a construción no solar?

-Si, creo que se non fixesemos nada, o proxecto do propietario tería ido para adiante. O factor clave foi a demolición do Maxi, iso produciu un efecto. O alcalde defende o proxecto porque dá postos de traballo e ingresos ao Concello. Pero aquel proxecto que anunciou de hotel de cinco estrelas foise rebaixando, e agora sospeitamos que podía ser un edificio de vivendas.

-Faltou vontade real dende o Concello de recuperar o terreo para o uso público?

-É un problema de cobiza empresarial. O dono di que non quere vender nin permutar pero o Concello ten ferramentas e posibilidade legal, ten terreos en carteira para ofrecerlle unha ubicación alternativa, e tivo superávit este ano. Pero o alcalde implicouse moi persoalmente neste proxecto privado, e até descalificando aos membros da plataforma dicindo que eramos inmorais. Non sei se é moi moral que un representante público defenda intereses particulares. A plataforma sempre defendeu buscar solucións legais e morais.

-Hai pleito entre empresario e Concello, pero seguen dacordo en usar o terreo para cobrar a ORA municipal.

-Está claro que hai moi boa relación entre alcalde e propietario. Non son partes enfrontadas. Pode que isto do contencioso do empresario co Concello por negarlle a licencia de apartotel sexa unha manobra de distracción, pódese sospeitar de que sexan movementos pactados, pero son conxeturas?