-Vai entrar Arteixo na Mancomunidade?

-A intención de Arteixo sempre foi a de participar na Mancomunidade. Outra cousa é que agora teña, igual que outros concellos, determinadas dúbidas ao respecto da xestión do tratamento do lixo. Tivémolas todos e témolas todos. Por iso puxemos prazo á Coruña, porque temos que tomar unhas medidas en base ao que nos digan de cal vai ser o futuro, porque nós temos un sistema de contenerización e de recollida similar ao da Coruña. Tampouco descartamos facer unha planta nós independientemente de Nostián e Sogama.

-Non o descartan?

-Nunca o descartamos, o que pasa é que estamos esperando un pouco a que A Coruña nos diga se vai arranxar os problemas que arrastra e que vai facer no futuro.

-Os problemas veñen de hai anos e a tramitación da Mancomunidade ía ben até hai pouco.

-Entendo que agora ao ver a transformación en Mancomunidade algún concello como o caso de Arteixo vexa a posibilidade de dicir o que lle apetece ou lle parece. A nós non ten por qué parecernos mal, pero entendemos que hai que buscar solucións en conxunto.

-Está de acordo con Negreira, entón, en decidir en conxunto?

-Iso é certo, hai que buscar solucións conxuntas. No futuro pode haber un concello que por algunha razón se queira ir, vexo normal que haxa un protocolo para a separación coas súas penalizacións ou indemnizacións se as houber. Non tes por que estar preso toda a vida. Ten que haber certa autonomía. Simplemente dixémoslle a Arteixo que non era razonable que nolo dixera cinco días antes da asemblea.

-Non insisten máis en esixir solucións dende que hai un novo Goberno na Coruña?

-Non. No anterior mandato dixérasenos que participáramos no goberno e na xestión de Nostián pero nós dixemos que participariamos sempre e cando se puxese a cero. Estámoslle dicindo o mismo ao Goberno este que ao anterior.

-Concorda con Negreira en que chegou a era posNostián?

-Se se refire a que está esgotado o sistema, estao hai tempo. Víñase incumprindo constantemente o sistema de tratamento.

-Estarían dispostos a renunciar á reciclaxe?

--Non. De momento, non.

-O Consorcio ve importante reciclar, entón?

-Non é que sexa importante, é absolutamente necesario. Eu no meu concello [Abegondo] fixen un proxecto piloto no Ecowas [proxecto europeo] e a fracción orgánica non se tira ao colector. Faise compost. E imos poñer máis. A fracción orgánica no rural non ten por que queimarse nin ir tirarse.

-Podería exportarse esa fórmula ao Consorcio?

-Pois claro. Podería facerse o abono colectivamente ou individualmente. Hai moitas fórmulas e moitas ofertas distintas de Nostián e de Sogama que nos fixeron ao Consorcio, que nós non adoptamos porque estabamos un pouco pendentes do que vaia facer o Concello da Coruña. Porque nós necesitamos ao Concello da Coruña para levar olixo pero tamén el nos necesita a nós para que o levemos. É unha relación simbiótica. Non somos parasitarios nós en Nostián.

-Que van facer agora?

-Imos seguir coa redación dos estatutos. Evidentemente, haberá que poñer esas razoables peticións do Concello de Arteixo dicindo que quere saber a que se atén ou que penalizacións ten un concello que se queira separar, que se contemplen os servizos que se queiran poñer en marcha e a ver se somos quen de ter a Mancomunidade o un xaneiro e, se non, a ver se o dez.

-Despois do lixo, Calvelo dixo que se irá se non se inclúe unha lista de servizos que poder escoller compartir; como unha Mancomunidade á carta.

-Agora xa hai Mancomunidade á carta. Xa está. Xa hai cinco concellos que están na EDAR de Bens e os demais non. E o ano pasado déronnos a todo o Consorcio unha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) menos a Arteixo, que a pediu con A Laracha e Carballo e non lla deron, claro. Que dentro do Consorcio se poidan agrupar para facer outras actividades ou servizos xa o facemos.

-Algunha vez Arteixo puxo enriba da mesa esa lista de servizos?

-Permíteme que non resposte.

-Se segue a tramitación e aparte a negociación do lixo, como vai decidir Arteixo se entra? O lixo é o motivo real?

-Esa pregunta deberías facerlla a Arteixo. Eu creo que hai que ir á agrupación de municipios, que van premiar con fondos as administracións. Eu creo hai anos nesa historia. Ao mellor hai xente que non. Eu si, e os outros concellos tamén. E entendo que Arteixo tamén. Outra cousa é que agora teña un xeito distinto de ver as cousas sobre o lixo.

-Na reunión Arteixo entrou moi decidido a marchar e co lixo como "pretexto", segundo fontes próximas, e afrouxou cando se puxo a cláusula para regular a saída. Foi así?

-Parecido. (Silencio). Imos ver: onde hai nove concellos é moi difícil, pero moi difícil, que haxa un consenso entre todos e que todos pensen exactamente igual. Moi difícil. Claro que hai discusións, unhas máis bizantinas ca outras, pero normalmente chegamos ao final a acordos. A nós o único que nos molestou foi a forma.

-Tendo en conta que apoia a solución conxunta, podería ser que todos os concellos do Consorcio marchen a outra opción?

-En principio o que non temos pensado cambiar é o modelo de contenerización e o modelo de tratamento. Non temos pensado cambiar a separación en orixe.

-A partir de aí, non se descarta nada.

-Non se descarta utilizar outro sistema de tratamento distinto do de Nostián se non nos ofrece unhas garantías. Agora ben, hai que ser realistas. Eu estiven en varios países mirando os sistemas do lixo e ningún é a panacea. Hai moitos. Hai que buscar a opción no caso de que Nostián non camiñe nese sentido.

-Que compromiso valería para seguir en Nostián?

-Nestes momentos os refugallos, practicamente o 60%, estámolos levando a un vertedeiro en Cerceda e pagándoos. Queremos un sistema que nos solucione toda a problemática: unha solución para a facción orgánica e outra para a inorgánica. Non mezclalo todo ou ter tanto refugallo.

-Canto levan en Nostián?

-Desde que abriu, en 2001. Catorce anos levamos.

-E por primeira vez se ameaza tan en serio con marchar ao Goberno da Coruña que, como ben dicía, necesita ao Consorcio.

-Xa houbo mais, moitas mais. Démoslle ao Concello da Coruña até xaneiro para que nos fale dun proxecto de futuro, non para que o teña xa arranxado. Se vale para o que nós pretendemos, que pode ser que valla, continuamos. Ninguén está falando de marchar de Nostián. Eu non estou ameazando con marchar de Nostián. O mandato pasado, A Coruña deixounos os camións fóra de Nostián. A conflictividade agora non a houbo, hóuboa no anterior mandato.

-Se Arteixo marcha, queda moi tocado o Consorcio?

-Nós en ningún caso queremos que o Concello de Arteixo se vaia. Evidentemente o Consorcio vai seguir funcionando sen calquera dos concellos.

-Non tería grandes consecuencias?

-Para nada, en absoluto.

-Está decidida a penalización?

-Non, non está decidido.

-Poñeralla ben alta para que non marche...

-[Non contesta. Ri].

-Como se vai decidir?

-Os técnicos, secretario, xerente e interventor farán contas.

-E aprobarase no pleno?

-Cando se aproben os estatutos.

-Van revisar agora a concesión de Cespa cando hai meses se subiu a contía por máis servizos?

-Vaise estudiar todo o sistema do lixo, a recollida e o tratamento, conxuntamente. Non nos constan deficiencias de Cespa.

-Descarta a proposta da Coruña de que pondere a poboación?

-Se é única e exclusivamente o peso poboacional, non creo que ningún concello estea disposto a admitir unha presidencia que che impoña todo o oque tes que facer.

-E que se pode facer para que non conten igual 250.000 habitantes que 5.000?

-Se entra A Coruña, o normal é que teña a presidencia, aínda que haxa unha presidencia executiva.