Tiña unha enfermidade conxénita dexenerativa e dábanlle 20 anos pero viviu 39. Nese curto tempo, a pesar de estar grande parte del encamado, realizou unhas 190 composicións musicais, foi mestre de recoñecidos músicos, fixo arranxos de óperas, aprendeu el so inglés e francés, lía a Voltaire, Shakespeare a Curros e a Rosalía. A casa de Sánchez onde viviu, diante da Nacional VI na Fortaleza e de fronte á Calexa, foi o centro da cultura e da alegría da parroquia de Nós nuns anos de penurias e todo tipo de carencias. Xosé Chás García naceu en 1908 e en maio do ano que ven cumprirase o setenta aniversario da súa morte en 1947.

Este mozo que alumbrou el só a toda unha vila está hoxe practicamente esquecido pero están empezando a xurdir músicos novos que o acaban de descubrir e, abraiados, empezan a tocar as súas composicións e queren que se recorde e homenaxee a súa figura, coma o guitarrista Samuel Diz, que toca o fermosísimo Preludio Número 3 de Chás (pódense oir uns segundos en http://bit.ly/2gyOCwv); ou Sergio Franqueira (que toca a súa composición Nostalxia en youtube en http://bit.ly/2fS1r0v).

"A figura de Xosé Chás ten moitísimo valor. Naquela época, na dictadura de Primo de Rivera, logo a Guerra Civil, principios do século pasado, faltaban medios por todos lados, ata escaseaba o papel e aparece este home cunha capacidade intelectual tan grande, que cun pouco montou un mundo, cunha paixón tan grande pola cultura. Foi un músico autodidacta, apaixonado por aprender pero tamén un animador de todo o pobo, a súa casa era unha casa da cultura, xogábase ao xadrez e as damas, ensinaba, tocaba. Era un fenómeno, e por riba tendo que loitar coa súa enfermidade dexenerativa. Ao final escribía na cama, en calquera anaquiño de papel que atopaba. Foi un gran compositor, e coas limitacións que tivo", conta Xerardo García, discípulo doutro grande mestre e músico, Xulio Dans, que á súa vez foi tamén discípulo de Chás ademáis do depositario da súa obra ata que en 1997 foi entretgada ao Concello de Oleiros.

Xulio Dans escribiu un libro sobre a vida e obra Xosé Chás para lembrar ao seu mestre ao que tanto admirou e que se editou hai anos. Nesta obra Dans deixa belísimas palabras dedicadas a Chás, ao que describía coma un miragre de persoa. Cando Chás tocaba e cantaba con el o recoñecido José Ramos García que ía a velo á súa casa, "eran tempos nos que os milagros aniñaban en San Pedro de Nós", di Dans. Este mestre (autor do Himno de Oleiros) lembra no seu libro cómo viñan moitos grandes artistas, concertistas, violinistas, á casa de Chás a "lle ofrecer os seus respetos".

Na Casa de Sánchez, onde Xosé viviu coa súa avóa, unha tía e unha curmá, esta última, Encarnación, que coidou del ata o final (el deixara a súa casa paterna), oíanse "guitarras e máis laúdes, bandurrias e mandolinas, taboleiros de damas, xadrez (...) Era un moi feliz rueiro aquel de San Pedro de Nós", conta Xulio Dans no seu libro.

Este prodixioso músico comezou a notar os efectos da parálise aos quince anos, na época en que comezou a traballar cortando o cabelo a nenos e amigos. Un día estaba un veciño cunha guitarra na parada do tranvía que estaba diante da casa de Chás, ía cara Sada ás clases dun mestre, e comezou a tocar. Xosé oiuno e causoulle tal impresión que xa nunca máis parou de oir, escribir e tocar música sentado nun banquiño sempre, ao non poder andar.

Aprendeu el só a tocar a guitarra e logo estudou solfeo e chegou a ingresar na Sociedade de Autores. Despois de 1933 xa só compoñía sentado na súa cama. Fixo pezas para piano, rondalla e máis de 200 exercicios para clarinete. Compuxo tangos, muiñeiras, minuetos, valses, bagatelas, serenatas, mazurcas, habaneras, nocturnos... Algunhas pezas perdéronse. Fixo arranxos para arias de ópera de Bellini, Pucini. Adaptaba obras musicais para o repertorio das orquestas famosas da época que as estrearon en La Terraza de Sada e no Seixal. Foi o fundador da rondalla La Lira. Compoñía letras graciosas para as comparsas do Entroido. A súa cabeza non paraba de crear.

Nos últimos anos seguiu un réxime estricto de alimentación e coidado, segundo conta Dans, e así logrou vivir algúns anos máis. El mercaba e lía libros de medicina para entender a súa enfermidade. Xulio Dans lembra tamén con gran emoción como para el foi un descubrimento coñecelo e unha sorte inmensa que fose o seu mestre e compartir con el tantos momentos.

Dans foi o que, ao xubilarse, ordenou as súas composicións, que lle entregou a prima Encarnación (incluso a guitarra de Chás) e escribiu os seus recordos sobre este mestre da música para que quedaxe rexistrado para sempre a historia deste home que "morría de ganas de vivir", que creou un paraíso de cultura e bondade nunha aldeíña como a de Nós él soíño e sufrindo "o calvario" da enfermidade. Uns só viron a Pepe de Chás, o Tollido. Os que si sabían, só viron unha estrela.