Un acto tan sinxelo como unha busca do tesouro conseguiu onte xuntar a preto de medio cento de familias no Pasatempo a pesar do mal tempo e o parque betanceiro converteuse pola mañá nun espazo cheo de nenos correndo e berrando de ledicia mentres estimulaban a súa imaxinación e atención para atopar as pistas que os levarían a facerse co prezado premio: un paquete de gominolas ben cheo.

A plataforma veciñal en defensa do Pasatempo foi de novo quen organizou esta actividade de dinamización e potenciación deste parque único, nesta ocasión tamén co obxetivo de festexar o Día das Letras Galegas. Durante a procura do tesouro houbo descansos nos que voluntarios leron anacos do libro A Galiña Azul do autor homenaxeado este ano, Carlos Casares.

O xogo prantexado para as familias, según explicou Elena Couto, integrante da plataforma, consistía en atopar unha ducia de figuras que están presentes no Pasatempo aínda que pasan inadvertidas se un non se fixa, elementos coma a Torre de Hércules.

"Fronte ós reloxos tes unha escaleira, tes que baixala. Toparás de fronte cun estanque precioso, ás súas costashai un muro, observa que hai na súa parte alta, sí, son case cen figuriñas de animais. Apenas se ve nada, unha mágoa, todo está moi velliño, pero se te fixas ben atoparás un animal, un especial, un que anda de lado e ten armadura". Ésta era a pista para que os rapaces, con axuda de pais, familiares e amigos, desen cun cangrexo. Cada pista tiñan que fotografiala ata atopar as doce e lograr o premio das cobizadas gominolas.

No mapa dos tesouros elaborado polo colectivo veciñal tamén se incluían reivindicacións: a pista número tres era unha zoca, pero como moi ben se indica, agora non se pode ver porque estaba na parte do muro que se veu abaixo hai uns meses pola falta de mantemento e nula inversión neste espazo. Por iso o que se pedía era só fotografiar ese muro caído. "Coida ben do parque para que non se perda nada máis, temos que seguir buscando tesouros dentro de moitos, moitos anos", se engadía no mapa.

Os primeiros vinte nenos en atopar a ducia de pistas levaban o premio, e os dous primeiros ademais con agasallo para os pais. "Superáronse as nosas previsións de participación, non chegaron as bolsas de gominolas, menos mal que os paquetes eran grandes e repartiron. Eran bolsas de papel feitas a man e co nome do Pasatempo, con laciño e unha pinza, que fixo Momento Mágico", contou Elena Couto. Outro integrante do colectivo que quere salvar este parque tamén se encargou do diseño das bolsas.

Para os máis maiores o galardón eran paquetes de reproduccións de postais antigas do Pasatempo. O Concello de Betanzos colaborou coa iniciativa financiando os pequenos gastos de organización desta actividade que tivo entretidas ás familias dende as once da mañá ata as dúas da tarde.