O monte Xalo é un espazo natural de grande atractivo paisaxístico; un cachiño da Galicia montañosa a tiro de pedra da cidade da Coruña. Os seus valores xeolóxicos, xunto á variada flora e aínda máis diversa fauna, son tan sobranceiros como descoñecidos, e, lamentablemente, veñen sendo maltratados nos últimos anos. Non moito tempo atrás estendíanse amplamente as brañas húmidas, fogar de especies de animais ameazados como a tartaraña cincenta, a rula e a ra vermella. As pozas no medio de pasteiros con gandería extensiva ateigábanse de anfibios e algúns réptiles, así como toxeiras, sebes e algunhas pequenas touzas de carballos, ricos tamén en especies de aves e insectos.

Hoxe en día, esas brañas e pozas están parcialmente drenadas e plantadas de piñeiros -nalgún caso sufragados con fondos públicos-. As especies invasoras avanzan á vez que o gando en extensivo e a súa fauna asociada mingua, e as touzas e toxeiras foron substituídas en moitos sectores do Xalo por plantacións masivas de eucaliptos carentes de interese natural. Un panorama agravado con vertedoiros ilegais, novas pistas, incendios e molestias a especies sensibles durante a cría, ademais de macroproxectos que poderían dar a puntilla ao Xalo. O primeiro, que semella afortunadamente paralizado, estaba relacionado co desenvolvemento eólico da zona: 45 dos 2325 megavatios de enerxía eólica aprobados en 2010 pola Xunta de Galicia ían instalarse no Xalo. O proxecto destruiría, fragmentaría e sepultaría baixo pistas, gavias e plataformas de aeroxeneradores hábitats extremadamente valiosos. Ademais, entre 7.000 e 25.000 aves e morcegos poderían morrer cada ano por choques cos muíños e tendidos eléctricos dun eventual "parque eólico do Xalo", segundo as estimas dun estudo a nivel estatal feito por SEO/BirdLife en 2011. Pero a falta de incentivos económicos e a posible interacción co aeroporto de Alvedro destes aeroxeradores fixeron descartar un proxecto que cambiaría para sempre a paisaxe do Xalo.

Así e todo, hai aínda outra ameaza latente: unha liña de alta tensión proxectada por Red Eléctrica de España entre o Mesón do Bento e Eirís (A Coruña), que xa foi aprobada polo Consello de Ministros en outubro de 2015 e que afectaría tamén, se nada o remedia, a hábitats de interese ou de conservación prioritaria na UE (sobre todo uceiras húmidas). Ao igual que cos parques eólicos, centos de aves puideran verse afectadas por colisión cos fíos ou electrocución nos pivotes. Unha auténtica desfeita.

A oposición veciñal e de colectivos sociais e conservacionistas, como o Grupo Naturalista Hábitat, será vital para lograr a reformulación do proxecto e conseguir a conservación desta xoia natural. Porque moitos queremos un Xalo sen novas plantacións de piñeiros e eucaliptos, sen vertedoiros ilegais nin novas pistas, e, sobre todo, libre de proxectos de parques eólicos e tendidos de alta tensión. Porque queremos ter un cachiño de montaña ben conservado a uns minutos do centro da Coruña. Porque os cidadáns necesitamos ese pulmón verde, diverso e fermoso, así como os seus servizos ecosistémicos. Porque queremos que o Xalo siga a ser o Xalo.