Palmira, unha rapaza da Terra Chá de 15 anos, resistíase ó casamento concertado polos seus pais con Ramón, home de posibles de Bergantiños e xa dunha certa idade. A súa nai tenta convencela no traxecto ata a casa do noivo, según van parando polos concellos, Arzúa, Ordes, Santiago... En cada sitio coñecen a tradición folclórica da zona, ata que chegan ao destino xa con Palmira mais convencida sobre todo despois de ver bailar ao futuro marido. E hai voda, con cura e padriños e todo o que a finais do seculo XIX se facía en Galicia nun casamento, os bailes, as regueifas, as actuacións dos gaiteiros... A recreación destas antigas vodas foi o inxente traballo que se botou enriba o Grupo de Baile e Gaitas de Santaia en Santa Cruz, pero cun impresionante éxito ao poñelo en escea o pasado sábado pola noite no pavillón de Meixonfrío.

Neste singular espectáculo que combinou arte e emoción, etnografía e antropoloxía, participaron preto dun cento de músicos e bailadores, con idades dende os 4 anos ata máis dos 70. Santaia fíxoo todo, dende crear o fío argumental ata escoller as pezas, facer os decorados, perfilar as regueifas...

"Empezamos coa idea en outubro pasado e despois estos dous últimos meses xa fomos facendo máis ensaios parciais e xerais. Non foi doado. Participan todos os integrantes de Santaiga, entre gaiteiros, cantareiras e bailadores. Fai catro anos que facemos un espectáculo ao final, pero é a primeira vez que representamos un casamento e estamos moi satisfeitos, a mín encantoume", conta José Luis Vázquez Rosales, profesor de baile que levou a dirección artística, coa participación da sección de gaita, a acrgo de Francisco Longueira; a percusión con Álex Ruiz e a pandeireta con Sonia Reborido.

Co argumento de que Palmira e a nai viaxan nun carro dende a Terra Chá ata Carballo en Bergantiños, os membros de Santaia aproveitaron para reprentar a tradición musical de cada zona, como a pandereitada de Lema, a muiñeira de Santa Sabiña... Houbo muñeiras pero tamén xotas, foliadas, pasodobres, valses e pasacorredoiras ata chegar á parte final, cuncha marcha nupcial que incluiu regueiras e pandereitadas.

O espectáculo foi estudiado gracias a libros e imaxes sobre a época, e ao longo da actuación unha voz en off ía contando moitos dos costumes de entón arredor do acontecemento da voda, como a dote ou os alboroques (despedidas de solteiro), de xeito que se converteu nun evento artístico pero tamén didáctico, para aprender tradición e historia galega.

Nos casamentos había os que se retaban, os regueifeiros, normalmente uns meténdose co noivo e outros coa noiva, ata que despois viña unha madriña poñer paz e se bailaba a danza do molete, un pan adornado con caramelos e cintas que se situaba sobre a cabeza e non podía caer, porque traía mala sorte á parella. Este pan despois repartíase entre os invitados, e así culminou o espectáculo en Santaia. O traballo do grupo de baile e gaitas, sen embargo, non rematou. "Temos actuacións comprometidas ata comezos de setembro", sinala José Luis.