Yolanda Castaño participa mañá, ás 20.00 horas no Centro Social da Barcala, nunha mesa redonda sobre rock e xénero. Estará acompañada de Rut Morarte, de Lascivos. Bibi, vocalista do grupo cambrés Destemplados, exercerá de presentadora e moderadora. A actividade enmárcase dentro do Rock in Cambre.

- Que asuntos tratarán na mesa redonda?

-Repasaremos as manifestacións culturais na música rock en relación coa presenza da muller. Analizaremos cal é a representación feminina nas formacións musicais da contorna e cal é o papel da muller nas bandas. Tamén cal é a representación da muller nas letras. No meu caso nomeadamente analizarei rock galego, aínda que tamén hai propostas musicais noutras linguas.

- Detecta machismo?

-Hai honrosas excepcións, pero se botamos a vista atrás non sempre tivo un papel relevante ou activo a muller, ás veces máis que un suxeito pensante foi un obxecto pensado. O machismo chega ata os nosos días, convén ter unha mirada moito máis consciente para permanecer alerta ante estes machismos.

- Tratarán a importancia da educación?

-Aí é por onde se empeza e por onde se debe empezar a traballar para evitar males maiores. É o campo de traballo máis importante e tampouco se debe esquecer a presenza das mulleres nas formacións. Analizaremos tamén o tipo de papel que teñen cando aparecen, pois se cadra tocan instrumentos máis sinxelos ou teñen o rol de cantante, pero non tanto de instrumentista, ou dunha instrumentista de peso como pode ser unha guitarra solista ou algo así. Iso tamén o analizaremos máis polo miúdo.

- A situación da muller no rock galego é similar á do resto de España?

-Non hai grandes saltos. Non hai grandes diferenzas, convén ser optimistas de fronte ao futuro e pensar que as cousas se irán equilibrando nos próximos anos.

- Na charla acompañaraa Rut Morarte...

-Sí, de Lascivos, unha banda que eu recordo moito de finais dos noventa, principios dos 2000 na Coruña. Elas eran un exemplo. As mulleres, a parte de seren unha porcentaxe moi alta da formación, tiñan un papel activo e bastante arrasador con respecto aos roles tradicionais.

- Cales son os estereotipos que se transmiten?

-Eses roles tan tradicionais de homes que nos protexen, que nos van a colocar nun pedestal, pero que ao final é un pedestal moi enganoso. Edulcoran unha especie de falso pedestal que ao final acaba sendo unha urna de cristal moi pasiva. Se cadra son cuestións sutís, estereotipos dunha maneira mesmo amable, que se van consolidando e transmitindo, pero que ao final funcionan. Creo que temos que dar un paso á fronte para poder romper os estereotipos.