É unha buceta na zona das Amarras, na baía de Mera. Na popa está Manuel Pérez Cruz, Manuel de Peres, coa caña do timón na man gobernando a embarcación, recén posto o motor de catro cabalos. Na proa está a súa muller Isabel Lugrís Gómez, Isabel do Touperre, coa neta Diana de catro anos no colo. Esa neniña que estaba na fotografía de 1968, coa que a Asociación Punta Bufadoiro de Mera abriu a exposición da memoria mariñeira da localidade o pasado agosto, foi unha das que acudiu a ver a mostra.

"Foi moi emocionante, xuntouse moitísima xente para ver a exposición, coincidín con moitos maiores e a algúns caíanlles as bágoas. Tamén foi meu pai a vela... Foi algo espectacular", conta Diana Pérez, que non ten recordos do momento no que lles fixeron a foto a ela e aos avós, ao ser tan pequena. "Pouco despois desa foto xa fun para Inglaterra porque me reclamaban os meus pais, que xa emigraran e me deixaran mentres cos avós. E alí estiven ata os 17 anos que voltei a Mera e vivo na casa que foi dos meus avós", sinala Diana, que aproveitou para sacar fotos desa instantánea de 1968 para mandala a tantos familiares que seguen espallados polo mundo tras emigrar a Arxentina e Venezuela.

"Con esa buceta o meu avó saía todos os días a pescar. Logo, como mandaban cartos da emigración, xa puido poñerlle motor, antes era de remos", conta Diana Pérez.

Mariñeiros en plena faena, imaxes das embarcacións e traballos do mar, mulleres cosendo as redes e outras carrexando cestos de percebes... Son imaxes da forte tradición mariñeira de Mera que expuso Punta Bufadoiro grazas á colaboración dos veciños que prestaron as fotos. Puxéronse dez paneis reproducindo as instantáneas durante as pasadas festas do Carmen. Agora a mostra aínda pode verse na Aula do Mar de Mera, na antiga Casa do Fareiro. "Está vindo moita xente do pobo agora aquí para ver as fotografías, ten moito éxito, vense eles, familiares, moitos recordos", sinala Franqui Illanes, responsable da Aula do Mar. O lugar quédase pequeno e non se poden amosar todas as imaxes deste labor de recuperación da memoria que iniciou a asociación Punta Bufadoiro, e do que prepara unha nova entrega para as festas do ano que vén.

A exposición, con fotos dende os anos vinte, amosa imaxes chamativas como a dos mariñeiros sacando petróleo tras o embarrancamento do Urquiola no 76 ou a da tripulación do Flor de Ribeira de Mera de 1968, cunha tartaruga laúd que lles entrara nas redes.