"¿Igualdade? A muller xa é a que manda na casa". "Boas, mandáronme aquí a unha cousa de... igualdade ou algo así". Son comentarios cos que se están atopando os técnicos que comezaron a traballar na elaboración do Plan de Acción das Políticas de Igualdade de Xénero que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de deixar de facer iniciativas ailladas a prol da muller, sen coñecer antes, realmente, a situación exacta en cada concello. O traballo que adxudicou o ente provincial por 66.000 euros á empresa Deloga inclúe un ano e medio de traballo de enquisas, investigación, xuntanzas con técnicos dos concellos, facer unha diagnose da situación para logo facer un plan de acción que sirva de base para todas as futuras accións e acadar a igualdade da muller de verdade e contribuir á eliminación da súa discriminación. Onte fíxose a presentación deste traballo e do que se quere conseguir con el.

Chamar a un concello durante varias semanas para ofrecer actividades gratis e non poder facelo porque non saben quen pode levar eso da Igualdade, é un feito arrepiante. Como o de que durante moitos anos, nun concello da comarca coruñesa, un home fose concelleiro de Obras e de Muller.

Un dato demoledor aportouno nesta presentación de onte, a deputada Ánxela Franco. "Despois dunhas xornadas do Plan Único que tivemos, falando coa xente, vimos que de todos os millóns deste plan que se lles dou aos concellos, prácticamente nada se investiu en igualdade, trátase igualdade coma un apartado máis de Servizos Sociais. Non todo pode ser gastar en farolas e bacheos. Eu estou cansa de baixar a manifestacións contra a violencia de xénero, a facer un minuto de silencio cada vez que hai unha víctima". Eses concellos que fan minutos de silencio, que non custan nada, pero logo non soltan un euro para axudar a evitar as situacións que provocn esas manifestacións.

"Non se pode seguir gobernando con descoñecemento absoluto do territorio. Hai que saber qué se está facendo cos recursos", subraiou a deputada de Igualdade. Para comezar, na maioría de concellos Igualdade está metida en Servizos Sociais ou na denominación de Benestar Social, hai poucos que teñan unha concellería específica, como Sada, Bergondo, Betanzos ou A Coruña, entre outros.

Dúas integrantes da empresa Deloga adxudicataria deste traballo de investigación, Eva Garabal e Marta Piñeiro, explicaron onte un dos labores que xa fixeron, a posta en marcha da páxina web www.compartimosplan.com, que será unha ferramenta de información pero tamén de traballo para todas as administracións, empresas e colectivos.

O proxecto inclúe catro fases. Agora estáse na primeira, a de preparación, creación dunha comisión de seguimento con persoal técnico e político da Deputación e facer a web e un vídeo educativo, ademais de crear unha comisión interdepartamental.

A segunda fase será a de diagnose, onde se fará o plan de traballo para cada comarca. Na terceira xa se fará un borrador do plan de acción provincial e na cuarta aprobaráse e difundiráse dito plan.

Neste traballo haberá enquistas e entrevistas a persoal dos concellos, de Servizos Sociais, para coñer qué fan en materia de Igualdade, ademais de enquisas telefónicas e presenciais, tanto a xente en xeral coma a técnicos.