26 de noviembre de 2017
26.11.2017
SADA

"No libro demostramos que nada ten que ver o relato oficial do pazo de Meirás co que sucedeu"

Os investigadores presentan un libro co que agardan provocar "sorpresa e indignación" por "todas as miserias" que rodean ao inmoble de veraneo dos Franco e "que aínda hoxe se queren tapar"

26.11.2017 | 01:50
Manuel Pérez Lorenzo, á esquerda, e Carlos Babío co pazo de Meirás ao fondo.

"Todo empezou polos silencios familiares", explica Carlos Babío. Este neto de "espoliados" adicou 21 anos a rebuscar nos arquivos e a recadar testemuñas para restituír a memoria ás "nove hectáreas de impunidade" que o franquismo abriu na súa parroquia: Meirás. "Para miña familia era un tabú. Miña tía Josefa tiña 23 anos cando a botaron da casa. Cada vez que lle preguntaba por iso rompía a chorar e pedíame que deisaxe o tema. Eses silencios de protección foron xerando unha inquedanza e cos anos dinme conta da débeda histórica que tiña a nosa xeración con quenes sufriron todo aquelo, por eso comecei a investigar".

Este investigador e o historiador Manuel Pérez Lorenzo, ámbolos dous de Sada, presentarán o martes na Fundación ONCE Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio. Os autores, militantes do BNG, charlan con LA OPINIÓN recén chegados de Bruxelas, de denunciar no Parlamento Europeo o que cualifican de "anomalía democrática". A dúas voces, cun café e o texto manuscrito sobre a mesa, avanzan as liñas fundamentais dun libro co que pretenden "desmontar o relato oficial", rachar definitivamente o envoltorio dese suposto "regalo" ao dictador e sacar á luz un "espolio" urdido por "unha trama administrativa de corrupción absoluta".

"O franquismo construíu un relato que chegou ata os nosos días, o de que o pazo foi un regalo do pobo da Coruña ao ditador. E aí acaba o conto. Con este libro demostramos documentalmente que nada ten que ver o que sucedeu co relato oficial", explica Babío, convencido de que os lectores atoparán nas súas páxinas máis dun motivo de "sorpresa e indignación por todas as cousas agochadas deste período e polas miserias que aínda hoxe se queren tapar".

Son moitos os interrogantes que prevalecen 42 años despois da morte do ditador. Por que Meirás? Que intereses perseguía a Xunta pro Pazo creada en 1938 para agasallar ao ditador cunha residencia de veraneo? Manuel Pérez Lorenzo relata ata qué punto esta operación, xestada nun contexto bélico, contribuíu a desprazar a unha "elite de tradición progresista e republicana" e, ao tempo, a "construír a imaxe de Franco, do Caudillo: "Franco era da provincia e un sector viu a oportunidade que representaba telo perto, xa que contribuiría a consolidar esa nova elite. No ano 1938 o franquismo non existía como tal, están en trance de gañar a guerra e no proceso de construír un imaxinario do Réxime que xirará arredor de Franco, estase construíndo a imaxe de Franco e Meirás encaixa perfectamente dentro dese proceso. O pazo reforzaba a idea de Franco como un señor feudal co seu castelo. Meirás convírtese no centro do franquismo en Galicia, na representación da Xefatura do Estado".

O libro afonda no papel que xogaron persoaxes destacadas da cidade nesta operación. "Na primeira fase tivo moita incidencia o exalcalde Álvarez Sotomayor e o gobernador civil Julio Muñoz. Nos anos seguintes Alfonso Molina tivo un papel crucial", relata Lorenzo.

Os dous autores coinciden en apuntar un nome fundamental: "A figura clave de todo o proceso foi Pedro Barrié de la Maza". A elección de Meirás, din, pudo satisfacer intereses económicos deste empresario financeiro. O libro recolle o informe redactado en 1939 por un tenente coronel crítico co dispendio en Meirás que daba validez aos rumores de que "o pazo escolleuse por ter unha hipoteca contraída co Banco Pastor". Babío e Lorenzo apuntan tamén a certas "circunstancias microhistóricas", feitos que poderían parecer intrascendentes pero que quizais resultaron decisivos na elección, como o feito de que "Barrié de la Maza veranease ao lado do pazo de Meirás, na parroquia de Mondego". "Nese desexo das elites de ter cerca ao ditador, quen máis cerca tiña a Franco era Barrié de la Maza", destaca Lorenzo.

Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio adica varios capítulos a desmontar con documentación e testemuñas o relato das donacións voluntarias. Detalla cómo tras máis de dous anos de guerra, nunha situación de crise e "coa poboación machacada polas constantes visitas da Falanxe", a suscripción popular fracasa, o recadado a base de coaccións non abonda e as administracións comenzan a desviar fondos públicos para "uns gastos que parecen non ter límite". Entre outros documentos, o libro inclúe un informe dun tenente coronel de 1939 que di "a cifra gastada no pazo é de tal magnitude que si se soubera causaría asombro", destaca Babío.

A figura da muller do ditador, Carmen Polo, erísexe nas páxinas deste estudo como un pilar fundamental no dispendio. "Ela actúa como propietaria antes incluso do acto mediático de entrega do pazo. A súa presenza constante, o feito de que actuase como a auténtica directora de obras e a súa incontinencia petitoria fará que non cheguen os recursos para que esté ao seu gusto", relata Babío.

Os gastos inxentes en Meirás pronto levan á quebra a Xunta pro Pazo, pero o desvío de fondos públicos para manter esta residencia privada continuou durante toda a ditadura. "O pazo de Meirás formalmente é una propiedade privada, pero a Administración actuou como se fose pública, non hai distinción en como actuou co Pardo e con Meirás. Institucións como o Ministerio do Exército asumiron todo tipo de obras, ornamentais, de ampliación... Sería distinto si unha vez morto o ditador o pazo pasase a formar parte do Estado, pero foi transmitido en herdanza. Visto coa perspectiva de hoxe choca moito, pero hai que ter en conta que se trataba dun réxime que non distinguía entre a esfera pública e a privada: Franco era o Estado e o Estado era Franco", destaca Lorenzo.

O libro documenta distintas obras executadas no pazo durante catro décadas e como os Franco borraron as pegadas da propietaria orixinal, Emilia Pardo Bazán. Como se deturpou o "santuario do arte" que describira Luis Antón Olmet ata convertelo "nun refuxio de caza", ironizan os autores.

O seu traballo de investigación pon tamén o foco no incendio de 1978 e desprega diversas teorías, desde a oficial do curtocircuíto á do atentado que defenderon certos sectores do franquismo. O libro aporta ademáis unha nova testemuña, a dunha "persoa moi próxima ao réxime" que "conta que o lume foi provocado para extraer as obras de arte de valor para colocalas no mercado extranxeiro"."A versión oficial é que o pazo ardeu por un curtocircuíto que incriblemente se produciu en tres lugares do pazo", destaca Babío, que cuestiona esta historia e recorda que un garda civil dixera que el mesmo cortou a subministración eléctrica na súa ronda e que os días previos sairan do pazo un número inusual de camións".

Os historiadores conciben o libro como un "punto de partida" para futuros traballos. "Aporta verdade e rigor. Ninguén poderá dicir nunca máis que a historia do pazo non forma parte dun abuso, dun sistema corrupto e dunha transición que non resolveu determinados aspectos", conclúe Babío.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es