Foron décadas solicitando ao Goberno da China que blindase a protección das marismas e chairas litorais do país fronte aos recheos indiscriminados. Anos enteiros de loita contra un dos reximes menos propensos a tomar medidas de protección ambiental -se obviamos as encamiñadas ao panda xigante-. Pero, inesperadamente, a mediados do pasado mes de xaneiro os grupos conservacionistas e científicos a nivel mundial celebraron a decisión da denominada Administración oceánica estatal chinesa de prohibir novos desenvolvementos industriais a expensas destas zonas intermareais de alto valor ecolóxico, en especial aquelas situadas no Mar Amarelo. Pilros -como o ameazadísimo pilro cullereiro-, biluricos, mazaricos, píllaras, patos e carráns poderán seguir facendo parada e fonda nestes lugares vitais para as súas rutas migratorias e para a invernada.

Pero, curiosamente, outros pilros, biluricos, mazaricos, píllaras, patos e carráns seguen en risco noutros puntos do planeta, algúns insospeitadamente próximos. Porque o intermareal de Sada, hábitat destas aves, é un punto onde os recheos de area no litoral suporían a destrución da chaira litoral. As pradeiras de seba (planta mariña con flor, dos xéneros Zostera e Nanozostera) e os produtivos limos intermareais fogar de innumerables especies, algunhas de interese comercial como a xiba, non poderán pervivir tras a adición de toneladas de area para crear unha xigantesca e estéril praia. O atractivo e seguridade para os bañistas que se adentren nos fangos mesturados con area será case nulo, por non falar da calidade das augas na zona, posta en cuestión en 2017 por sexto ano consecutivo (*, **). De facerse esta nova adición de area repetirase o fracaso do recheo realizado entre 2005 e 2008 na Praia Nova (á esquerda das Delicias) na que se incrementou a superficie de area sen que acadasen condicións axeitadas para o baño. Esquecemos que tras construirse os espigóns do porto sadense nos anos 80 e 90 limitouse a incidencia de correntes mariñas de deriva no seo de Sada, provocando aínda maior acúmulo de fangos. Precisamente estas obras foron as que fixeron desaparecer "la playa se extendía lisa, rubia, polvillada de partículas brilladoras", como a describiu Emilia Pardo Bazán en La Quimera.

Os fangos tenderán irremediablemente a profundizarse e consolidarse, por moita area que se engada. Polo tanto, por que non repensar o futuro do intermareal de Sada? Por que non facer caso aos científicos e técnicos e descartamos ese macroproxecto ambientalmente lesivo de engadir montes de area? Por que non seguir gozando da presenza de pilros, biluricos, mazaricos, píllaras, patos e carráns a un paso da vila sadense? Non só temos un gran recurso didáctico diante dos nos ollos, senón tamén unha fonte de riqueza económica, unha vez que as pradeiras de seba aumentan a riqueza biolóxica da ría en xeral. Este mesmo mes de febreiro, tras as protestas dos conservacionistas, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar paralizou estes recheos de area mentras estuda as alegacións (***). Unha tregua que, así e todo, non disipa a incertidume. Se non conservamos a chaira mareal de Sada, China quedará por diante de nós na preservación destes delicados ambientes costeiros.

(*)https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2017/02/17/xunta-desaconseja-bano-gandario-delicias/1153486.html

(**)https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2017/06/11/calidad-playas-ria-empeora-fije/1189894.html

(***) https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2018/02/03/costas-deja-suspenso-regeneracion-playa/1259870.html