Se un está noutro país e ten un problema que o leva a ter que declarar ante un xuiz, non lle gustaría que o intérprete traducise fielmente as súas palabras, sen equívocos? Para un traballo tan delicado e de tanta responsabilidade hai uns profesionais acostumados a ser invisibles pero que son esenciais cada vez en máis sectores da vida: os intérpretes e tradutores. No municipio de Oleiros hai tres que integran a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti) e unha delas, Iria Taibo, veciña de Santa Cruz, acaba de ser nomeada a súa presidenta hai un días. Taibo foi quen hai uns meses fixo as traducións no Parlamento Europeo, en Bruselas, das denuncias formuladas polo BNG sobre a apoloxía do franquismo no pazo de Meirás, tema de actualidade.

- Que lle supuxo profesionalmente facer de intérprete no Parlamento Europeo e informar alí da anomalía que supón a situación do pazo de Meirás?

-Foi unha sorte incrible ir a axudar, poñer o meu pequeno grao de area, foi unha honra. E nun entorno tan profesional e coñecer a tanta xente que fai tanto pola memoria histórica... A deputada do BNG Ana Miranda tiña interese en que o galego estivese presente alí, como lingua de traballo. Tamén fixen a revisión lingüística do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, que se adiantou a un debate que agora está de actualidade. É un libro moi documentado e que abre moitas vías.

- O próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, está adicado a María Victoria Moreno, escritora pero tamén tradutora. Tamén é un recoñecemento á profesión?

-Si, temos pensado facer unha campaña pública dende a asociación para dar a coñecer esa faceta da escritora. É un dos obxectivos que nos marcamos dende a nova directiva.

- Cando se creou a asociación e que obxectivos ten?

-Fundárona un grupo de profesionais, entre elas a escritora e tradutora María Reimóndez en 2001 porque a carreira levaba xa varios anos en Vigo e había moita xente exercendo pero non tiñan una asociación, aparte de ATG que é máis de tradución literaria, nós englobamos todo. Agora somos máis de 120 membros, tanto socios profesionais, dados de alta como autónomos con categoría de tradutor como estudantes que están remantando a carreira ou titulados que non exercen nese momento ou só ocasionalmente. Queremos continuar co traballo de formación e asesoramento aos que empezan, de divulgación da profesión e colaboración con institucións, pero tamén de difusión das nosas reivindicacións.

- Cales son?

-Unha, que a Xunta convoque xa os exames de tradución xurada de galego, leva moitos anos sen facelo. A tradución xurada é un dos traballos que facemos, certificas que un documento está fielmente traducido, un certificado de estudos doutro país, por exemplo. Así, son oficiais. Que a tradución xurada sexa entendida polas administracións como un servicio fundamental e non se guíen por criterios económicos é importante, úsase moito para a xustiza gratuíta. Por outro lado, a Xunta sacou unha convocatoria para empresas privadas para tradución e interpretación na Xustiza e prima a oferta máis baixa. Nós reivindicamos que se faga un exame, e que non se pidan empresas, que se prime a calidade, experiencia, preparación, e non só o prezo porque falamos de cuestións moi delicadas. O ano pasada unha xuíza de Vigo parou un xuízo e sustituiu unha intérprete porque non estaba a facer ben o seu traballo. E o tradutor ou intérprete seguro que non ten culpa, porque a empresa lle dixo media hora antes, vaite alí, sen saber de qué era o xuízo. Hai que prepararse, se é un xuízo sobre temas médicos tes que estudar termos médicos para facer ben a tradución, pero se te mandan sen saber nada podes ter problemas. Debería haber un exame e despois que os tribunais chamasen directamente, sen pasar polas empresas. Noutros países xa é así.

- Hai demanda de tradutores e intérpretes?

-Si. Cada vez hai máis cousas que requiren do noso traballo. Etiquetas de produtos no supermercado, películas, banca, multinacionais de novas tecnoloxías, publicidade... Por exemplo, o que dobra unha película, faino sobre un texto que antes pasou por un tradutor. Coas novas tecnoloxías están a xurdir necesidades de tradución de páxinas web, aplicacións de móviles, novas plataformas de televisión, videoxogos, temas de mediciña, contratos, manuais de instruccións... E tes que estar reciclándote continuamente.

- Moitos dirán que para ser tradutor, se sabes idiomas xa está.

-Si, hai esa visión, pero non é así. Eu son tradutora en inglés, galego, castelán e portugués, por exemplo. Tes que ter moito coñecemento dos idiomas que estás traducindo pero tamén coñecer as estruturas, as ferramentas, buscar documentación sobre o tema do que vas falar. Un erro frecuente é traducir moi literalmente unha expresión doutro idioma.

- Falamos da tradución, por escrito, pero tamén hai interpretación, verbalmente.

-Si, e correccións lingüísticas... Eu tamén poño subtítulos a películas, por exemplo, temos un programa e vexo unha serie ou película e poño os subtítulos. Temos que asinar un contracto de confidencialidade, non contar de que vai a película... Hai tradución simultánea ou de enlace, unha persoa fala unhas frases e tí traduces ou só resumes, non se espera que traduzas todo... Iso é moi esixente, por iso soe haber dúas personas nunha cabina, para turnarse, porque escoitar e falar ao mesmo tempo esixe moita concentración, é agotador.

- É quizais unha profesión que pasa desapercibida, na que non se pensa como traballo.

-Por iso queremos informar aos que empezan na profesión, divulgar, que se vexa como unha saída profesional máis e que o galego é unha lingua de traballo. Queremos reivindicar tamén mellores condicións de traballo no sector, que se paguen uns prezos dignos... Facer accións en conxunto porque cada un traballa na súa casa nesta profesión. Estamos na Galiza pero traballamos para xente de calquer país. Eu por exemplo teño unha clienta de Philadelphia.