25 de marzo de 2018
25.03.2018
OLEIROS

Vodas de prata do instituto que naceu da ilusión

Toda a comunidade educativa do María Casares está a preparar unha festa para conmemorar os 25 anos de vida, o 30 de xuño

25.03.2018 | 00:43

O 30 de xuño será festa todo o día no instituto María Casares de Bastiagueiro. Música, exposición, discursos, xantar de confraternidade... Organizado pola comunidade educativa, celebraráse o 25 aniversario do centro con asistencia de actuais e antigos mestres, alumnos e membros de asociacións de pais

Acaba de soar a sirena do primeiro recreo e un grupo de profesoras, en vez de darse un descanso e tomar un café, rodean a unha rapaza de segundo da ESO, cun ataque de ansiedade por un exame. Non a deixan ata que logran tranquilizala. "Eu xa hai tempo que deixei de ser profesora no María Casares pero estiven moi contenta alí, é un centro que funciona moi ben, no que hai moita preocupación polo alumnado, non só de que lles vaia ben nos estudos senón por eles como persoas. Hai moi boa relación profesores, pais e alumnos, moita colaboración", conta Inés Lobato, antiga docente do instituto de Bastiagueiro e unha das colaboradoras na preparación da celebración do 25 aniversario do centro o vindeiro 30 de xuño. As declaracións de Inés rubrican o que calquera pode ver a diario neste recinto educativo.

O María Casares botou a andar no curso 1992-1993 froito directo da chamada Reforma Experimental de las Enseñanzas Medias (REM), unha reforma educativa que supuxo un cambio de concepto no ensino, e que se fixo de abaixo cara enriba, deixando a responsabilidade nos profesores, que tiveron que empezar de cero e xerar eles mesmos o material co que traballar, un labor que foi un éxito porque aqueles profesores estaban cheos de ilusión.

"Daquela había moi poucos centros da reforma, a xente pensaba que ía fracasar e non se optaba por iso. Eu, como profesora de galego, atopeime con que non había nada, había que elaborar todo o material", relata Carmela Moure que xunto coa profesora de Educación Física Elena Ferreiro, son dúas das pioneiras, das que están no instituto dende os seus inicios, e que forman parte da comisión que organiza a celebración dos cinco lustros. "Éramos un claustro moi novo e con moitas ganas, moi unido, e iso foi fundamental", explica Elena. Á inauguración do centro acudiu o entón presidente da Xunta Manuel Fraga e o alcalde Ángel García Seoane. Marisa Ron foi a primeira directora. "Hai que agradecer moitísimo ao Concello a súa axuda, fainos actividades de todo tipo, estamos encantados", engade Carmela.

Estas dúas profesoras viviron a evolución e os grandes cambios do ensino neste centro ao longo destes 25 anos. "Dos tempos nos que utilizábamos o xiz, a tiza, ata hai uns anos en que fomos pioneiros en ter pizarras dixitais en todas as aulas. Daquela maquiniña que tiñamos ao comezo para controlar as faltas dos alumnos, que lle chamábamos tamagochi, antes de que chegasen as PDA, ata agora coa aplicación que puxo en marcha a Xunta", destaca Elena Ferreiro.

Como testemuñas deste paso do tempo as docentes atópanse con que agora lle dan clase a fillos de antigos alumnos. E ven os problemas de hoxe, o difícil que lles resulta ós estudantes "concentrarse, prestar atención moito tempo". E destacan a importancia da figura do titor. "O traballo que fan os titores está moi pouco valorado. Reciben aos pais a calquer hora, adaptándose ao horario dos pais, son persoas que fan incluso de psicólogos, dos rapaces e dos pais", subliña Carmela.

Elena precisa o segredo do bo mestre: "Transmitirlles entusiasmo, porque se contaxian". Carmela engade: "Eu sempre lles digo aos alumnos que teñen que ser boas persoas e solidarios", afirma Carmela.

O profesorado que puxo a andar o Casares, que empezou de cero pero coa máxima ilusión, vese recompensado cada ano nos bos resultados académicos, no gran número de alumnos que teñen éxitos profesionais, académicos, deportivos e artísticos (moitos dos novos actores galegos veñen daquí), en como estes exestudantes se lembran dos seus mestres, e en que hoxe son os dinamizadores sociais do seu pobo, persoas con iniciativa e creatividade. "Moitos daqueles primeiros alumnos son os que hoxe moven a vida cultural e social de Oleiros, que organizan as festas de Santa Cruz, actos musicais..." di Elena.

O 30 de xuño haberá festa todo o día no María Casares. Mestres actuais e antigos, alumnos e exalumnos, pais e antigos membros da APA, todos colaboran na organización de actividades. Haberá portas abertas de 10.00 a 12.00 horas, exposición de fotografías, despois un acto institucional con discursos e logo un xantar. Pola tarde, actuacións musicais, humor, actividades artísticas. Xornada para relembrar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es