Javier Ares, conseller de Medio Ambiente e presidente da Reserva da Biosfera de Menorca, é betanceiro e acaba de estar na súa localidade natal para presentar a súa experiencia, como convidado, nunha xornada organizada pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas sobre Reservas de Biosfera, Retos e Oportunidades máis alá da conservación que se celebrou onte no Salón Azul do Edificio Liceo brigantino.

- Como acaba un betanceiro de conseller de Medio Ambiente e presidente da Reserva da Biosfera de Menorca?

-Eu de cativo sempre dicía que de maior quería ser indíxena. Aos dezasete anos, despois de coñecer profundamente Galicia e a miña comarca a cabalo, en piragua, escalando..., funme a ver mundo. Estiven en Papúa, Amazonia, Nueva Guinea... Estiven máis de vinte anos dando voltas polo mundo, colaborando con organizacións internacionais que traballan en defensa do social e do medio ambiente. Coñecín Menorca como activista de Greenpeace e gustoume moito a illa; despois coñecín unha moza e fixen familia. Eu xa facía voluntariado ambiental, pasou unha oportunidade política por diante do meu nariz e decidín aceptala porque era unha oportunidade de facer algo por Menorca.

-Que competencias ten como conseller de Medio Ambiente?

-Máis alá da consellería en si, que engloba augas, residuos, enerxía, pesca e medio ambiente, levo tamén a presidencia da Reserva da Biosfera, do Consorcio de Residuos Enerxía e do Grupo Leader. En Menorca levo o buque insignia, porque levar a bandeira do medio ambiente aquí é unha cousa moi importante, é unha responsabilidade moi grande.Os menorquíns preservaron unha illa moi diferente ás outras illas, hoxe en día é unha xoia polas praias que ten e polo cuidado que está todo.

-E como foi o paso do activismo á política?

-Foi un paso moi pequeno, porque eu sempre fun activista, aínda que é certo que antes tiña aos políticos en fronte. De feito en Betanzos xa fixen moita política desde o social. Eu viña cada certo tempo, sobre todo nos veráns, e todo o que aprendía ou vía no mundo o levaba alí; organicei moitas actividades sociais, culturais e sobre todo lúdico festivas, pero sempre cunha mensaxe de solidaridade. O que pasa é que antes estaba por fóra, cos políticos en fronte... Sempre traballei moito da man do Concello, da Deputación e incluso coa Xunta e fixen moitas actividades innovadoras.

-Como cales?

-Pois organicei unhas xornadas que se chamaban rutas polo mundo ás que convidaba aos meus amigos internacionais e faciamos unha amalgama moi cosmopolita. A feira medieval tamén foi unha idea que xestamos nós. Eu poñía a semente e despois fuxía porque o meu mundo sempre foi a escala planetaria [ríe].

-E agora preside a Reserva da Biosfera de Menorca, unha das máis maduras de España...

-Si, foi declarada en 1993 pola Unesco e supuxo todo un cambio de paradigma porque se declarou reserva toda a illa, os oito municipios, a industria, a agricultura, todo o sector turístico... Por primeira vez se declaraba reserva un territorio enteiro, con todo o que iso supoñía. Na Reserva das Mariñas Terras do Mandeo, por exemplo, non está dentro A Coruña porque é unha cidade moi difícil de traballar. Menorca foi un experimento e somos en certo sentido un neno mimado. Como conseller de Medio Ambiente presido un secretariado da Unesco da rede de illas e zonas costeiras para traballar problemas comúns e solucións comúns. Todo se comparte, non hai copyright.

-Que precisa unha reserva para que resulte efectiva?

-Para ser un territorio reserva da biosfera os políticos deben ter unha mentalidade e unha toma de decisións diferente. E tamén precisan unha financiación diferente. Se queremos ser un laboratorio vivinte onde experimentar solucións a problemas solucións a problemas globais a pequena escala, precisamos tamén un trato económico diferenciado. E tamén é importante que nos políticos cale que a reserva da biosfera está por encima das discrepancias políticas e que debe ser unha ferramenta de consenso e que é moi importante a participación social nas decisións de futuro para non hipotecar a xeracións vindeiras.

-A reserva das Mariñas ten cinco anos. Que lle diría aos veciños para que se involucren?

-A xente ten que valorar que ten un territorio único. Hai que sacar peito. Que agora hai moitos eucaliptos e menos carballos? Bueno, pero poden volver os carballos se nos poñemos as pilas. Hai que recuperar esa mentalidade de antes. Cando era cativo plantábanse os carballos e os castaños para os netos mentras que hoxe se plantan eucaliptos para que vaian os cartos ao peto en dez anos. E eso é o que nos matou, pero é enmendable. Hai volta atrás.

-Di que tendemos a valorar pouco o noso. Como betanceiro, que recuncho das Mariñas Terras do Mandeo cre que non está suficientemente recoñecido? A que enclaves poderiamos sacarlle máis partido?

-Evidentemente os ríos e as rías teñen unha riqueza brutal. Eu collín a malaria e vivín tres anos no Chelo, recuperándome nunha casa que tiraron hai catro anos e que fixera Franco. Para min ser rico era ir ao Chelo ás once da mañán. Loitei moito porque os eucaliptos chegaban ás beiras do río e eso é terrible. Si tes, pero non o valoras? Aquí temos todo abundancia, pero si te empeñas podes acabar con elo. Moitos sitios do mundo remataron con todo o que teñen e o están pasando moi mal, é aí e onde ten que mirar a xente. Aquí estamos a tempo. A reserva non é un sitio de confrontación política, é un sitio de consenso. E para eso ten que estar a cidadanía involucrada, o sector privado e a Administración.