23 de abril de 2018
23.04.2018
Manuel Dans Pte. da Asociación Eira Vella e escritor

"Os neofalantes son o contraataque necesario para salvar o galego"

"Os compañeiros da Universidade dixéronlle a un rapaz que mudou ao galego que daba asco, e dixo que era por unha aposta"

23.04.2018 | 00:28
Manuel Dans, no paseo marítimo de Sada.

"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma", atinaba Castelao. As enquisas e estudos que se fan cada ano meten medo sobre o futuro do idioma do país. No 2011 por primeira vez o Instituto Galego de Estatística concluíu que o galego xa non era a lingua habitual da maioría. A lingua galega é unha herdanza máis que nos deixan os pais, avós, un fío que nos une aos nosos antepasados e á familia, pero á que non se lle da valor. Cal pode ser a solución para garantir a supervivencia do idioma e darlle a volta á situación? O presidente da Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos, Manuel Dans, pensa que pode estar nos neofalantes e púxose a entrevistar xente que falaba de toda a vida outra lingua e pasou para o galego, empezando por el mesmo. Daí saiu o libro Historias de neofalantes. A aventura de vivermos en galego, recentemente editado .

- Como lle xurdiu a idea de escribir sobre este tema?

-Porque era unha situación que comprendía moi ben, na miña casa falaban castelán, no colexio e instituto todo era en castelán agás lingua e literatura galega. Non comecei a falar galego ata os 40 anos, e teño 46. E quería ver que levara a outras persoas a mudar a súa lingua.

- Que lle levou a facelo?

-Namoreime da literatura e a lingua galega, aos 14 ou 15 anos, lendo A Nosa Cinza, A Esmorga, a Cabanillas... Escoitando a Milladoiro, Fuxan os ventos, despois Luar na Lubre.. Pero unha cousa é estar namorado e outra botarse a falar galego, ao principio facíao moi mal. Pero quería manter unha coherencia entre pensamentos, sentimentos e actos.

- E entrevistou a un feixe de persoas neofalantes para coñecer a súas motivacións...

-Son case corenta entrevistas. Comecei polos coñecidos e a eles preguntáballes se coñecían a outros, e ao principio entrevistei só a galegos, que viñan do castelán, pero logo tamén quería ver como percibían a situación e o idioma os de outros países, coma Xapón, Chequia, Francia.

- E que descubriu?

-Unha xaponesa que vive en Santiago contoume que se pasou ao galego porque lle era máis acaído ao seu carácter, facíaselle moi forte o sotaque castelán, dicía que falan moi alto, como se estivesen enfadados. E para nós o sotaque é precisamente a alma do autoodio, o medo a que nos digan qué pailán, que ainda existe despois de tantos séculos de imposicións.

- Que outros motivos lle expuxeron para mudar o idioma?

-Unha rapaza de A Coruña que foi estudiar inglés a Birmingham escoitou alí falar galego, deuse a volta e viu que tiñan a pel negra, eran de África, dun país lusófono, e entendíaos mellor que aos portugueses e empezou a pensar que o galego tamén é útil para andar polo mundo. Outro rapaz contoume que cambiou ao galego despois de ler a Rosalía e quedar impresionado pola súa poesía. Un señor, Valentín García, despois de falar con el entereime de que era neto de Alexandre Bóveda, el tamén cambiou para o galego. Noutros casos non había unha razón concreta: ter un irmán máis vello que o falaba, por compromiso político...

- A que idades, de media, decidiron cambiar ao galego?

-O máis novo comezou aos vinte anos, e caeulle unha boa. Os compañeiros da Universidade dixeronlle que daba asco por falar galego, tivo que desculparse diciendo que era unha aposta. Hai que estar moi convencido, moi motivado para facelo, sobre todo nun entorno tan hostil.

- Falaba antes do autoodio, a principal razón pola que se pasa do galego ao castelán, da perda de galegofalantes. Ainda segue tan prendido en nós o autoodio, hoxe en día?

-Depende das xeracións, afecta sobre todo a xente dos corenta para arriba. As xeracións máis novas non o falan pero sí lle teñen máis respeto a aceptación. Hoxe é difícil ver un cartaz en calquer tipo de manifestación que non esté en galego, parece que así as protestas teñen máis razón. Un día oínlle a uns rapaces en Sada falando en castelán de que ían facer un cartel para salvar unha praia, e ao idear o eslogan só lles saían frases en galego.

- E os neofalantes poden ser a solución para preservar a lingua?

-Creo que ese é o contraataque que necesitamos para salvar o galego, que cada vez menos xente fale castelán. A maior parte das persoas son pesimistas sobre o futuro do idioma e quen debe salvalo non se lle ve vontade real de facelo a longo prazo, parece que queren dialectalizalo, e pouco a pouco ir collendo estructuras do castelán ata que non haxa diferencias e o galego vaia desaparecendo pouco a pouco. Hai moito de quedar ben, de pose. Ata nas probas Celga 4 da Xunta poñen mal os textos, poñen fixádemos nos elementos, cando fixar en galego é reparar en algo, non mirar. Por exemplo, na TVG é moi difícil oír- lle aos presentadores, que deberían dar exemplo, infinitivos flexionados ou futuros de subxuntivo, nótaselles que pensan en castelán e traducen palabra por palabra. E no sotaque tamén se lles nota que non falan galego habitualmente. Din esnafrouse, que é máis popular, en vez de estrelouse que é máis formal, e ao mesmo tempo rexeitan a gheada ou o seseo que son aceptados pola Real Academia Galega para a fala, non a escrita. É esquizofrénico.

- Que cambios hai ao pasar ao galego? No teu caso, no dos entrevistados...

-Agora interésame máis como se constrúen outros idiomas, e dende o punto de vista sicolóxico, quizais adquirín o humor galego, eu antes era máis serio. Ao principio á xente extranoulle o meu cambio, hai moitos prexuizos. No caso doutros, coñezo xente que tivo problemas para falar galego ata en organismos da Xunta. E unha amiga en A Coruña falando galego nunha terraza, unhas señoras preguntáronlle de qué país era, pensaban que era de Brasil. É incríble.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

LaLiga

Enoturismo en Galicia
en Semana Santa

Un viaje a través de los "afortunados" secretos de las D.O. gallegas: Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras y Monterrei


esquelasfunerarias.es