"É a primeira vez que vou visitar a casa onde viviu un dictador. Teño un sentimento contraposto, entre a repulsión por esta situación, porque esta propiedade debía ser devolta ao pobo galego, por todo o sufrimento que hai detrás, e por outor lado, porque é un momento histórico, podo influir en cambiar a historia e axudar a que se devolva o pazo". Así se sentía onte Jill Evans, do Plaid Cymru (partido de Gales), unha das eurodiputadas da delegación que hoxe entrará no pazo de Meirás en Sadapazo de MeirásSada, nunha visita guiada organizada pola tamén eurodiputada do BNG Ana Miranda, para que os seus compañeiros comproben de primera man se no pazo se fai apoloxía do fascismo.

Xunto a Ana Miranda e Jill Evans farán a visita guiada aos eurodiputados Miguel Urban (Podemos), Izaskun Bilbao (PNV), Jordi Solé (Esquerra), ademais dunha morea de xornalistas, entre eles o corresponsal da BBC inglesa. A delegación chegou onte pola noite e xa participou nunha cea de debate de benvida organizada pola Fundación Galiza Sempre, con intervencións de colectivos e asociacións de memoria histórica e os autores do libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.

Para Miranda, a carta do despacho de abogados da familia Franco ao Concello de Sada, na que oferta ceder terreo para facer unha acera se se retira o título de non grato aos familiares por ser unha "afrenta sen precedentes no mundo civilizado", supón "unha aberración". Destacou que un dos integrantes de delegación ten capacidade de influencia no orzamento europeo para temas de memoria histórica. O que o guía lles coste nesta visita guiada de hoxe (se conta o mesmo que nas visitas de cidadáns anónimos), formará parte tamén dun informe "que lle trasladaremos ao Parlamento e a Juncker", xunto co informe xurídico elaborado por expertos por encargo da Deputación da Coruña.

Este informe tamén se engadirá á denuncia feita polo BNG en novembro do ano pasado da apoloxía do franquismo que consideran os nacionalsitas que se fai no pazo por parte da Fundación Nacional Francisco Franco que a xestiona. "Trasladarémoslle todos os datos deste caso inédito e anacrónico que se vive con total impunidade en Galicia e en España", engadiu Miranda.

Esta delegación terá hoxe unha xornada intensa. Ás nove da mañá serán recibidos no Concello de Sada, ás dez comezará a visita ao pazo (na que a fundación non lles puxo problemas) e ás once os eurodiputados trasladarán aos xornalistas as impresións que obtiveron.

A continuación visitarán a Deputación (promotora da Comisión Pro Devolución do Pazo de Meirás), e serán recibidos polo presidente e a vicepresidenta, que lle darán copias do informe xurídico para tentar recuperar este ben. Despois serán recibidos tamén no Concello da Coruña polo alcalde e pola tarde farán un percorrido por espazos emblemáticos da memoria histórica como O Portiño, Campo da Rata, Casa Cornide, A Solana e o Banco Pastor.