A posta en marcha do novo transporte urbano de Arteixo está un paso máis cerca de ser unha realidade. O Goberno local xa iniciou a coordinación coa Xunta para crear un servizo de autobús propio, tanto para as zonas urbanas do municipio como para as parroquias do rural. Actualmente os veciños só poden utilizar o transporte supramunicipal que presta o Goberno galego.

O Concello xa enviou unha comunicación á Xunta na que asegura que ten previsto poñer en marcha "un servizo local de transporte público colectivo" a "curto" e "medio prazo". O Goberno local pretende crear unha liña de autobús regular que percorra os núcleos urbanos de Arteixo, Vilarrodís, Pastoriza, Meicende e Oseiro. Tamén porá en funcionamento un servizo de autobús a demanda que dará servizo ás parroquias do rural.

A carta que Arteixo remitiu á Consellería de Infraestruturas e Vivenda indica que o Concello "na actualidade está en proceso de tramitación" do plan de mobilidade urbana sostible. A Xunta de Goberno Local aprobou a principios deste mes adxudicar o contrato para redactar este documento a unha unión temporal de empresas formada por Tema Ingeniería e Iplan Movilidad. Con esta comunicación, a Xunta xa ten a confirmación oficial de que Arteixo creará este servizo e poderá ter en contar esta previsión durante a elaboración do novo plan de transporte público de Galicia, que ten que estar listo e en marcha antes de finalizar 2019.

A Lei de coordinación dos servizos de transportes urbanos e interurbanos por estrada de Galicia establece que nos casos dos concellos con menos de 50.000 habitantes debe ser a Xunta o organismo que autorice a posta en marcha do servizo de transporte urbano.

O alcalde arteixán, Carlos Calvelo, explica que o Concello ten previsto sacar a concurso público "nun mes ou dos" a adquisición de "dous o tres" microbuses para o servizo de transporte a demanda, que funcionará nas parroquias do rural. O rexedor asegura que a intención do Goberno local é que este servizo comece a funcionar "a principios do ano 2019".

Os veciños serán os que teñan que poñerse en contacto co Concello no transporte a demanda, segundo avanza Calvelo. "Chaman os veciños e así se pode realizar unha planificación", sinala o alcalde. Haberá catro liñas diferentes: unha que percorrerá as parroquias de Monteagudo, Sorrizo, Chamín, Armentón e Barrañán. Outra circulará por Morás e Loureda. A terceira liña dará servizo a Lañas e Larín e a cuarta irá polas localidades de Suevos e Rañobre.

A posta en marcha da liña regular para a zona urbana tardará máis tempo, xa que a tramitación coa Xunta é máis longa debido a que afectará ás liñas interurbanas. Este autobús pasará por Arteixo, Vilarrodís, Pastoriza, Meicende e Oseiro.

O Concello financiará o custo da creación do transporte municipal mediante os cinco millóns de euros que obtivo mediante o programa de Estratexias de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado (DUSI).