A Intervención da Deputación esixiu ao Concello de Cambre xustificar que se pretenda financiar con fondos públicos obras do proxecto para a creación de beirarrúas e aparcadoiros en Cela, na estrada DP-1704, que inclúe a construción dun muro ante a finca dun primo do alcalde, Óscar García Patiño. O interventor reclamou á Administración local aportar informes técnicos que determinaran "se as obras que se inclúen no proxecto deben ser asumidas pola Administración ou máis ben terían que ser cargas impostas aos titulares das parcelas colindantes, cumprindo coa obriga de asumir os deberes urbanísticos de urbanización daquelas, como condición imposta no outorgamento da correspondente licenza urbanística".

O informe remitido polo Concello en resposta xustifica que, dacordo á licenza outorgada en 1989 para a construción da casa existente na finca, en solo calificado como non urbanizable común, "non se puido, no seu momento, e non se pode actualmente, imputarlle obriga algunha de asumir deberes de urbanización". O Concello engade que na outra parte da finca, calificada como solo de núcleo rural, non se realizou "ningunha operación de carácter integral, nin parcelación, construción de nova edificación, sustitución ou rehabilitación integral algunha", polo que non se lle pode impoñer a obriga de ceder gratuitamente os terreos necesarios para a regularización do viario existente", apunta en alusión á proposta de expropiar parte da superficie necesaria.

En canto á casa en estado ruinoso que se prevé derrubar para conectar dous tramos de beirarrúa, a Intervención provincial preguntou no requerimento ao Concello "se non debería adoptarse unha orde de execución por parte do Concello, e de non executarse directamente polo propietario, que se procedese a realizarse ao seu cargo". O informe dos funcionarios de Cambre contesta que "non se adoptou, polo Concello, medida algunha en canto á súa declaración como ruina". Engade a Administración municipal que a propia Deputación, na obra de mellora da carretera de agosto de 1991, "non considerou no proxecto que fora necesario efectuar acción algunha neste ámbito, nin expropiar nin realizar as beirarrúas; polo que o Concello de Cambre ve agora a oportunidade, mediante convenio coa propiedade dos terreos, de obter os necesarios para desenvolver tanto as beirarrúas como a banda de aparcamentos nesta zona, completando así o que se deixou incompleto no proxecto de 1991". Os funcionarios explican ademais que o talud que na actualidade sofre desprendementos, que se atopa cuberto por unha tea para evitar o crecemento de herba, creouse coas obras que executou a Deputación en 1991 na estrada.

O informe do Concello conclúe que as obras "deben ser asumidas pola Administración titular da vía, xa que consisten na mellora viaria a través da execución de beirarrúas e banda de aparcadoiro, pois non se realizaron actuacións que impoñan aos propietarios a cesión ou urbanización dos terreos". Apunta tamén que o Concello "xestionou acesión dos terrenos necesarios e encargou o proxecto técnico para poder efectuar a ampliación e mellora actual co fin de minimizar o impacto económico da atuación".

Críticas do PP cambrés

O grupo municipal do PP de Cambre, que presentou alegacións ante a Deputación por dubidar de que a obra do muro deba facerse con cartos públicos, cuestiona que o Concello defenda a financación con fondos da Deputación. Lembra que hai uns meses se anunciou a imposición de contribucións especiais a veciños da rúa Sixto e que ao final non se aplicou esta medida porque os tres propietarios afectados aceptaron pagar a urbanización da fronte das súas casas. O PP agarda resposta ás alegacións á obra, pola que mañá haberá pleno extraordinario en Cambre.