Unha parella sufriu feridas de diversa consideración a primeira hora desta tarde ao chocar coa motocicleta na que viaxaban contra o quitamedos na Nacional VI á altura do concello de Coirós.

O sinistro ocorreu sobre as 15.40 horas no kilómetro 561 da N-VI cando por circunstancias aínda descoñecidas os ocupantes da moto saíron da vía e colidiron contra o gardarraíl da beira da estrada. Sufriron diversas contusións e foron trasladados, conscientes, ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Betanzos por ambulancias do 061.

Un conductor foi quen alertou a Emerxencias 112 Galicia do accidente. Ao lugar acudiron varias patrullas da Garda Civil de Tráfico e tamén foron avisados os bombeiros do parque comarcal de Betanzos. O pasado domingo día 6 ocorreu outro accidente de moto, éste mortal, moi preto do que aconteceu hoxe, no kilómetro 560, tamén na N-VI na Costa do Sal, pero dentro xa do termo municipal de Aranga.

Neste caso o conductor, un rapaz coruñés de 25 anos, único ocupante da motocicleta, faleceu despois de saírse da calzada e irse contra uns sinalis de tráfico. Os médicos do helicóptero que se achegou ao lugar non puideron facer nada por el. Este accidente ocorreu un domingo, festivo igual ca o de hoxe, e a hora tamén semellante: no caso de Coirós pouco antes das catro e no caso de Aranga, sobre as cinco e media.