Animados polo recoñecemento da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que lle outorgará a letra E, o IES Neira Vilas celebra unha homenaxe ao que durante un cuarto de século foi profesor de Lingua e Literatura Galegas nas súas aulas, nas que se xubilou: Nacho Taibo. O recoñecemento dos seus compañeiros, alumnos e antigos estudantes comezou onte con dúas actividades nas que se repasou a súa traxectoria e se celebrou un encontro con novas xeracións de estudantes.

A homenaxe inaugurouse onte cunha mesa titulada Nacho Taibo, a historia que agroma nos relatos, na que participaron, xunto a Taibo, o director do instituto, Agustín Fernández Gago; o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez; o compañeiro de estudos de Taibo en Madrid Xosé Manuel Martínez Oca e María Dans, quen repasou a traxectoria de Taibo. Na seguinte mesa, Xián Alcayde Dans entrevistou a Taibo para un público integrado por rapaces de 1º de ESO, entre os que destacou unha nena que xa traballa nun proxecto de novela e que fixo consultas ao escritor. Os de 1º de Bacharelato e 4º de ESO asistiran á primeira mesa. O centro pretende achegar o recoñecemento e a traxectoria de Taibo aos alumnos, explica Inma Otero, profesora do equipo de dinamización lingüística, quen admite que boa parte da súa elección profesional se debeu ás "boas clases de COU" de Taibo, a quen cubre de xeito provisional na vacante que deixou ao xubilase, en 2014. "Era un excelente profesor", asevera a súa sucesora.

A segunda parte da homenaxe celebrarase hoxe cun encontro de Taibo cos rapaces de 3º de ESO, que leron a súa obra As boas familias, que comentarán xuntos. Continuará cun encontro do profesor e escritor con antigos compañeiros do centro.