- Reuniron 42 alegacións. Satisfeitos?

-Si, satisfeitos porque se logrou movilizar a toda esa xente,aínda que sempre podía ser mellor [ri].

- Acusan ao Concello de deixación de funcións. Por que?

-Falamos de deixación de funcións porque esta modificación desprotexe o territorio e con ela o Concello deixa de realizar a función que lle corresponde de ordenación do territorio.

- O Concello di que se limita a cumprir a nova lei do solo...

-É certo que a lei do solo fai referencia a que un órgano superior, neste caso a Consellería de Medio Rural, debería aprobar unha ordenación de cultivos. Pero ese plan non existe, a Xunta a día de hoxe non o ten publicado e o propio alcalde nos dixo que non o vai a aprobar nun breve período de tempo. É máis, o que nos dixo o alcalde é que querían ser pioneiros e aprobar un plan de cultivos propio, pero non existe ningún tipo de lexislación marco á que atinxirse, que é algo que nos da moitísima descofianza.

- Que pensades que pode provocar esta modificación?

-O que supoñemos e que na práctica agravará os problemas que estamos sufrindo de perda de superficie agrícola en detrimento da superficie forestal. Na actualidade hai plantacións que non cumpren as distancias a pesar da lexislación así o ditamina e a nivel galego a superficie agraria útil diminúe, esa é a tendencia. Moito nos tenemos que unha desprotección, ou unha flexibilidade como o vende o Concello, nos leve a que vaiamos en unha diminución do solo de protección agropecuaria. Outra consecuencia moi grave sería que si calquera multinacional viñera cun proxecto, por exemplo un mineiro, a Consellería de Medio Rural non tería que emitir ningún tipo de informe porque a catalogación xa non sería agropecuaria, xa non tería esas competencias sectoriais. Eso nos parece dunha gravidade tremenda nun concello onde a actividade agraria é tan importante.

- O Concello di o contrario, que a Consellería de Medio Rural terá que autorizar sempre calquera actuación.

-Non é verdade, a propia aprobación do plan de cultivos é algo que fai o concello e non ten un marco de rango superior. Esto son os nosos medos. E unha terceria cuestión, e non é por ser malpensada, pero terían que responder por que se fai esta modificación...

- E por que cre que se fai?

-O alcalde non parou de repetirnos na reunión que mantivemos que o obxetivo é flexibilizar os usos do territorio e adaptalos á realidade. Para nós esa flexibilidade é concretamente o que nos da medo. Nas reunións cos veciños eu puxen varias veces un exemplo: si eu quero construír unha vivenda ou poñer un negocio teño que seguir unha serie de normativas, todo está regulado. Esa flexibilidade que vende o alcalde non será positiva para ninguén. Nós lóxicamente nos centramos nos titulares de suelo agrario pero tamén afectará aos propietarios de terreos forestais, que ante un posible megaproxecto tampouco poderá facer uso da catalogación para defender o valor do chan porque ao calificar todo como de protección ordinaria as valoracións a todos os niveis mudan.

- Que farán no caso de que o Concello rexeite as alegacións?

-Imos a continuar coa nosa labor e coa nosa defensa e iremos a Medio Rural e Urbanismo porque pesamos que teñen moito que dicir.