A Consellería de Sanidade fixo o pasado mes de maio os controis de inicio de tempada nas praias galegas para comprobrar se son aptas para o baño. Dentro da comarca coruñesa existen 42 areais e 39 son aptos para bañarse de cara a este verán segundo as analíticas. Só tres seguen tendo o baño prohibido, dende 2016, despois de varios anos seguidos con calidade insuficiente por exceso de bacterias: Barrañán en Arteixo; O Regueiro en Bergondo; e a zona do porto en Santa Cruz en Oleiros.

Destas 39 praias da área metropolitana nas que os veciños e visitantes se poden bañar con tranquilidade, 27 teñen unha calidade da auga excelente segundo reflexaron os datos dos controis previos da Xunta. Arteixo é o municipio con máis areais coa máxima calidade, oito en total, seguido de A Coruña con sete e Oleiros con seis.

Bergondo ten tantas praias aptas para o baño como non aptas, dous exemplos de cada caso. Sanidade deulle unha nota de "excelente" para este tempada de 2018 aos areais nos que se fixeron obras de mellora nas súas infraestructuras de saneamento.

Por iso aplicou un novo cálculo cos resultados das analíticas obtidas, tendo en conta estas obras, e así a praia de Gandarío en Bergondo e As Delicias en Sada (tras moitos anos co baño prohibido) puideron pasar de insuficiente a excelente.

No caso de Oleiros aínda non rematou a obra do tanque de tormentas que ao parecer erradicará os verquidos na zona do porto, que ano tras ano daban un mal resultado nas análises, razón pola que a Xunta xa non fai controis na zona.

A consellería doulle unha nota de "boa" ás augas de outras seis praias da comarca, dúas en Miño, unha en Arteixo, dúas en Sada e unha en Bergondo. Coa calificación de aprobado, un "suficiente", quedaron outras seis, dúas en Bergondo, dúas en Miño en dúas en Sada.

No caso de A Coruña a praia de Oza-Lazareto recuperou a nota excelente despois das analíticas do ano pasado. A comezos deste ano ademáis recuperou tamén a bandeira azul que perdera no 2014.