Descubrir un bosque autóctono case sen modificar pola xente entre a aridez da Nacional VI e o polígono de Piadela atraeu onte a unhas sesenta persoas, que estrearon o roteiro guiado que organizou o Concello de Bergondo polo itinerario que acaba de abrir seguindo o cauce do río Callou, dende Miodelo ata Vixoi. A gran maioría de participantes neste percorrido eran veciños da zona que quixeron coñecer máis detalles deste espazo natural da man dun experto, o biólogo Manuel Allegue, da empresa Ribeirán Proxectos Naturais, que é a que diseñou o itinerario para o Concello. A alcaldesa, Alejandra Pérez; e o primeiro tenente de alcalde, Juan Fariña, fixeron tamén a ruta.

"Esta ruta ten un alto valor natural e ecolóxico, conta cun bosque de ribeira con especies moi representativas coma ameneiros, freixos, abeleiras, carballos. Tamén conta cun importante conxunto de freixos, que deberon de plantar os veciños hai anos, porque se usaban para o carro, para os mangos das ferramentas. E ao final na ruta hai unhas brañas tamén importantes. Existe tamén un muiño, o muiño da Serra, bastante ben conservado. Había catro, pero só queda un", explicou Manuel Allegue. Este percorrido dalle continuidade ao xa existente, o de Mariñán, que une O Pedrido con Miodelo.

Da man deste biólogo os participantes na ruta descubriron esta grande riqueza agochada, que inclúe un precioso val. Quedaron impresionados sobre todo por un árbore, unha xigantesca faia que pode ser centenaria e que está á beira dun camiño, preto de Miodelo. "É unha faia que no seu día se debeu prantar coma ornamental. Unha veciña dixo que a recorda de toda a vida, polo cremos que pode pasar dos cen anos", precisou Allegue. O Goberno local ten pensado propoñer esta faia como candidata para entrar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza.

Ribeirán Proxectos Naturais limpou todo este espazo de maleza, puxo os sinais e paneis informativos e as pasarelas sobre o río. Os veciños esperan que o Concello faga máis roteiros guiados.