O pasado venres, 8 de xuño, LA OPINIÓN A CORUÑA publicou un artigo de opinión asinado por Fernando Bandín e titulado Zarpazo de la Diputación a los ecologistas. Como responsable político da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña véxome na obriga de aclarar aos lectores algunha das consideracións realizadas neste artigo.

En primeiro lugar, como responsable de Medio Ambiente provincial, nunca acudín a ningunha reunión co autor do artigo. Tamén quero puntualizar que entre as miñas afeccións non figura a caza, como se sinala no mesmo.

En segundo lugar, convén subliñar que as subvencións de medio ambiente publicadas o 5 de xuño no BOP son as primeiras que aproba a Deputación expresamente dirixidas a entidades que traballan polo medio ambiente e polo benestar animal na nosa provincia.

Non deixa de ser curioso que se critique a un Goberno provincial que, con esta convocatoria, busca principalmente financiar e promover a realización de actividades de voluntariado e sensibilización no eido do medio ambiente.

As entidades sen ánimo de lucro que soliciten esta nova liña de axudas da Deputación poderán incluir gastos en bens destinados á actividade (material escolar e para obradoiros, material funxible?), primas de seguros para os participantes ou desprazamentos dos voluntarios entre outras cuestións. O que se trata é de simplificar o proceso de xustificación de gastos para as entidades beneficiarias das axudas provinciais.

Con todo, por tratarse da primeira convocatoria, esta liña de subvencións está aberta a ideas e propostas de mellora formuladas en base a críticas construtivas. A experiencia na súa xestión, xunto coas propostas recibidas por parte das entidades beneficiarias, axudarannos a mellorar futuras convocatorias. Esta é a nosa forma de traballar na Deputación.

En todo caso, convén non esquecer que calquera proposta de subvención que realicen as administracións públicas debe axustarse á lexislación aplicable, principalmente a Lei Xeral de Subvencións. En moitas ocasións os políticos enfrontámonos ao dilema do que nos gustaría facer e o que realmente se pode facer.

En terceiro lugar, gustaríame deixar ben claro que as devanditas convocatorias provinciais non conteñen ninguna porta traseira para as sociedades de caza e pesca. Literalmente, a referencia da convocatoria é a seguinte: "financiar proxectos de actividades que se desenvolvan na Provincia da Coruña no ámbito do medio ambiente (campañas de sensibilización, estudos, programas educativos, itinerarios pedagóxicos, promoción, difusión e/ou defensa dos valores ambientais, actividades de voluntariado ambiental, de protección de animais, etc.) que se realicen no ano 2018 por parte de entidades privadas sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia)". O texto non deixa lugar a o moitas dúbidas sobre o obxecto da convocatoria.

Para rematar, gustaríame deixar patente o enorme esforzo que o actual goberno provincial está a realizar para mellorar o medio ambiente nos concellos coruñeses.

Esquece o autor do artigo, quizais involuntariamente, que a Deputación da Coruña aprobou en 2016 un Plan de Medio Ambiente (PMA) dotado con 5 millóns de euros, o primeiro plan da historia da Deputación destinado íntegramente a mellorar a calidade ambiental dos nosos municipios, que permitiu a realización de máis de 160 obras e proxectos en toda a provincia. Un plan que segue vivo, pois o pasado maio aprobamos en pleno 31 novas obras e subministros nun plan adicional do PMA.

Creación e recuperación de zonas verdes, melloras na eficiencia enerxética do alumeado público, instalación de contenedores de recollida selectiva de lixo, limpeza de sendeiros fluviais e contornas naturais foron algunhas das actividades e investimentos contemplados no PMA, que pemitiron tamén a creación de 22 brigadas medioambientais que xeraron 103 postos de traballo na provincia.

Ademais, a Deputación da Coruña destina cada ano 900.000 euros para apoiar aos concellos 41 concellos costeiros da nosa provincia na limpeza das súas praias.

En definitiva, a Deputación está presente en moitas das obras e actividades relacionadas coa conservación do medio ambiente que desenvolven os 93 municipios coruñeses e, con estas novas liñas de subvencións, pretende colaborar tamén co tecido asociativo e as asociacións ecoloxistas en actuacións que defendan e preserven o extraordinario patrimonio natural da nosa provincia.

A defensa da natureza é unha batalla na que todos debemos implicarnos. Queda moito por facer e hai tarefas para todos. Entendo que o traballo que están desenvolvendo as entidades ecoloxistas é indispensable e digno de eloxio. No que atinxe á Deputación, creo que sería moi inxusto non recoñecer o traballo xa feito e o que estamos a facer neste ámbito.