- Estrenouse no goberno sen experiencia política e nunha área que precisa de moito contacto veciñal, Benestar Social. Como foron estes anos de mandato?

-A verdade é que entrei cun pouco de inseguridade pola xuventude, tiña 27 anos recén cumpridos, pero fixemos moitos esforzos e acadamos uns orzamentos moi sociais. Aínda que todo é mellorable, estou contenta; nótome moitísimo máis segura e xa non vexo tanta diferenza de nivel con outras persoas da corporación.

- Como concelleira de Benestar Social, que asunto lle provocou máis desvelos?

-A falta de medios dos servizos públicos, sobre todo nos servizos sociais. Temos moitísimas restricións para a contratación de persoal e o que temos non é capaz de asumir toda a demanda. Agardo que o novo Goberno levante o veto á contratación na administración pública e podamos dotar aos servizos sociais de máis persoal.

- Mostrouse especialmente crítica nestes anos cos retrasos na lei de dependencia...

-É que moitos dos veciños e veciñas veñen falar comigo polo retraso das axudas á dependencia da Xunta, que ten un prazo medio de resolución dun ano e medio. Desde o Concello aumentamos moitísimo os fondos, triplicamos a partida de axuda a domicilio para asumir o servizo de todas esas persoas en lista de agarda. Eu creo que eso foi algo moi positivo para Sada.

- E que foi o que máis satisfaccións lle reportou?

-Pois estou moi satisfeita da resposta ás campañas en contra da violencia de xénero e pola igualdade. Todo o mundo respondeu moi ben. Estou moi satisfeita porque ademais temos unha xente nova concienciada e o comercio e a hostelería responden moi ben ás campañas que propoñemos.

- Será a primeira muller candidata polo BNG de Sada. Como será o seu equipo? Avanzaba esta semana que a lista terá unha importante presenza feminina...

-Somos un equipo moi novo, con moitas mulleres da miña idade, bueno, non sei se podo considerarme nova con trinta anos, algúns xa me din que non o son tanto [ri]. Somos un equipo cunha importante presenza de mulleres e queremos combinar a ilusión e a enerxía da xuventude coa nosa experiencia como forza que logrou ter a Alcaldía.

- Encabeza a candidatura do BNG nun momento delicado para a formación. A escisión da formación, a saída de Abel López Soto e a irrupción de Sadamaioría pasoron factura ao BNG. Que cre que precisa para recuperar ao electorado?

-Eu creo que a política municipal neste momento o que precisa é un liderado forte, moitísimo diálogo e capacidade de comunicación e de consenso nun contexto no que xa non hai maiorías absolutas. Queremos recuperar os votos da xente que confiou no BNG en anteriores ocasións e contar co apoio da mocidade, da xente nova.

- Que tal é a relación cos seus socios de Sadamaioría e PSOE?

-Ben, todo é mellorable pero nas nosas áreas estamos moi contentos. Persoalmente noto moito apoio e respaldo, estamos contentos.

- Ao longo do mandato trascedeu máis dun desencontro con Sadamaioría: o plan xeral e o cese de Liss Becerra do Galp deixaron ao descuberto as súas diferenzas...

-Si, é que o BNG sempre foi unha forza que defendeu contundentemente certas cousas, hai certas cuestións que ideolóxicamente non podemos pasar polo filtro. Nós sabemos como foi a política municipal nos últimos anos e imos seguir defendendo certas cousas que cremos que non son beneficiosas para Sada aínda que nos custe votos.

- Como que?

-Pois moitas veces somos criticados polo tema do pazo de Meirás, por centrarnos tanto en iso, pero historicamente levamos anos reclamando. Non se trata de abandeirar a consecución, pero hai certas cousas que imos seguir reclamando polo ben do pobo en xeral

- A demanda da recuperación do pazo de Meirás cobrou forza neste mandato. A Xunta pro Devolución presentou xa unha proposta e a comisión de expertos da Xunta ultima o seu dictamen. Cre que lograrán que o pazo pase ao patrimonio público?

-Si, eu creo que si, de feito creo que houbo xa un cambio na sociedade. Hai dez anos, cando Abel López Soto iniciou os trámites para declarar o pazo Ben de Interés Cultural, era como un tema tabú, pero a día de hoxe a xente xa ten interiorizado que o pazo ten que ser devolto. A nivel institucional e xurídico creo se avanzou moito por parte da Deputación, da Xunta Pro Devolución do Pazo, no Parlamento Europeo con Ana Miranda? Creo que xa estamos noutro punto, e cando a sociedade asume un asunto é moito máis doado de acadar.

- Sorprendeulle a demanda dos Franco aos militantes do BNG?

-Si, paréceme incrible que teñan aínda máis que dicir, cando grazas a traballos como o de Carlos Babío e Manuel Pérez se veu a outra cara da verdade, unha verdade que ata agora estivo oculta.

- E pensa que a denuncia pode prosperar?

-Non o creo, foi algo simbólico. Penso que puxeron a denuncia para contrarrestar informacións que non lles conveñen.