O grupo municipal do BNG de Oleiros alerta de que a posta en marcha da vía ártabra aumentou o tráfico en viais que non están adaptados para un aumento da circulación, que son moi estreitos e carecen de beirarrúa ou beiravía. Así ocorre coas rúas Manuel Pardo de Andrade e Santo Domingo na Parroquia de Dorneda.

O voceiro nacionalista Fran Rei explicou que ao abrir a ártabra o tráfico procedente do norte do concello e do oeste de Sada desprazouse da estrada AC-173, de Perillo a Mera, cara a AC-183, en Arillo. Asegura que esta estrada ten una "alta concentración de tránsito", non só polo tráfico da vía ártabra senón tamén polos moitos usuarios do complexo deportivo municipal de Dorneda en Arillo, ao que se accede pola rúa Santo Domingo, de único sentido (a este complexo van incluso veciños de Sada).

Fran Rei engade que en Pardo de Andrade se coinciden dous coches en sentidos contrarios non queda sitio para un peón. Subraia así que as vías de Dorneda "aínda non se adaptaron ás novas infraestructuras viarias ás que dan acceso", a ártabra, e tampouco se adaptaron "á mobilidade resultante do equipamento deportivo municipal ou á densidade de poboación" en Arillo.

O Bloque urxe deste xeito á Xunta, competente nas dúas vías, e ao Concello, na "inminente execución de espazos seguros", beirarrúas, ademais de analizar a posibilidade de baixar a velocidade e ata instalar pasos de peóns ou semáforos.