Nacho Taibo conserva intactas no corazón as ilusións, as utopías, a inxenuidade e a fantasía da nenez que tantos perden ao medrar. Ainda soña cunha máquina do tempo que o leve á idade dos gregos e os romanos. Un dos seus libros, Informe Bestiario, tiña un protagonista inspirado no Ulises de Homero, que podería ser un trasunto do autor, un heroe que tras anos viaxando e vivindo aventuras polo mundo mantendo incólume a integridade e a fidelidade a sí mesmo regresa á súa terra e é recoñecido. Se a semana pasada era homenaxeado pola comunidade escolar do instituto Neira Vilas de Perillo en Oleiros, onde deu clase de Lingua e Literatura Galega dende que se puxo en marcha o centro e ata a súa xubilación en 2014, un cuarto de século, o vindeiro sábado será honrado pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

"É moi de agradecer", dí con sixeleza Taibo, que lembra a emoción que lle causou que lle puxesen o seu nome a unha aula do instituto. Unha desas historias que pechan un círculo de vida dase no feito de que a persoa que fará a laudatio na homenaxe, Inmaculada Otero, ademais de escritora e a profesora que o sustituiu no Neira Vilas cando se xubilou, foi alumna súa. "Éncheme de orgullo, satisfacción e responsabilidade", apunta. O autor era fillo de emigrantes e naceu en Madrid e alí viviu case trinta anos. Falaba castelán. Pero nunca se sentiu madrileño, levaba Galiza no corazón. Pasaba os verán na Coruña e en Oleiros e elixiu falar e escribir en galego.

"En Madrid coñecín a Celso Emilio Ferreiro, do que eu era fan absoluto. Estaba a traballar en Antibióticos SA. Levoume Isaac Alonso a coñecelo, eu era un rapaz que compraba todos os libros del. Era encantador, nada engreído".

Taibo comezou a estudar enxeñaría naval pero despois fixo Socioloxía. Traballou tres anos nun banco. "Sumábamos cantidades que xa sumara un departamento e despois de nós outro departamento as sumaba. Alí tiñas que botar a imaxinación a voar porque non tiñas outra saída". Cando deixou o banco fixo, como sociólogo, as enquisas para as primeiras eleccións democráticas e constatou "a enorme diferencia de actitude, de comportamento, entre a xente da costa e a do interior, máis retraída".

Deixou Madrid e veu a Galiza e comezou a impartir clase en varios centros educativos. En Oleiros viviu gran parte da súa vida e no Neira Vilas deixou unha fonda pegada. Compaxinou o seu labor docente coa súa paixón pola escritura, que o levou a publicar o primeiro libro en 1975, Os inmortais. A súa obra foi l ectura obrigada nos centros educativos e foi Premio da Crítica Española no 78. A Ponliña Irlandesa, A Semancia, Homes de ningures, son outros dos arredor de vinte títulos deste mestre. A súa última obra publicada foi Os tres de nunca en 2016.

Este narrador que lé varios libros en distintos idiomas ao mesmo tempo, garda moitas historias inéditas, listas para que as colla unha editorial. Entre elas unha novela de amor, a primera que escrebe. Recoñece que o seu compromiso co galego e a súa escrita non comercial non o axudou á hora de difundiar a súa obra.

"Eu sigo escribindo case todos os días, necesito escribir porque o paso ben. Alguén dixo que escribimos porque non somos felices, pero eu agora son feliz e teño que escribir. Agora tendo a simplificar o estilo, antes era máis rebuscado. Non era nada ou pouco comercial. Eu non pensaba no lector nunca, a miña visión é que cando escribo quero ser eu", explica.

O compromiso coa lingua é un piar na vida de Nacho Taibo e ve con pena un "panorama moi negro" en Galiza. Conta de amigos que se pasaron ao castelán. "Hai un declive continuado. As autoridades galegas teñen un discurso triunfalista pero ocultan deliberadamente que cada vez se fala menos. E se edita menos porque non se subvenciona. O meu último libro non entendo como Xerais mo aceptou porque era un risco. Até o bipartito había subvencións á edición en galego, a Xunta compraba o 10% da edición, pero quitáronse. Falta unha aposta decidida pola cultura galega escrita. Curiosamente, eu de novo en Madrid oía chistes sobre os galegos e o seu acento, e agora alí din que o clima é estupendo, que a xente é encantadora, que xa o era antes, que o galego é marabilloso, que en Galiza se vive de marabilla. Non sei a que se debe este cambio".

O escritor destaca o mérito das editorais por publicar en galego a pesares de todos os atrancos. E quítase importancia ao falar do mérito de xente que partindo do castelán elixe o galego para sempre. "Antes eu tiña a visión de que vou escribir para cambiar o mundo. Agora, que cos meus escritos estou axudando á lingua, non poñería a man no lume. Quizais mellora a lingua dos que len, pero que axuda a consolidar o galego, en pleno declive, dubido".

O sábado será o Día de Nacho Taibo. Ás 11.30 en Santa Cruz descubriráse un monolito e prantaráse un carballo na sua honra e despois no castelo recibirá a Letra E da asociación de escritores en galego. Haberá discursos do autor, do alcalde e de responsables da asociación, antes dun xantar de confraternidade na terra do Ulises galego.