"Foi un mestre para as xeracións de gaiteiros da Coruña pola súa maneira de tocar, a dixitación pechada. Deixou pegada na seguinte xeración de gaiteiros, os coñecidos Tempranos, Ambite e Paradela. Foi un referente pero hai poucos datos sobre el, quizais porque era máis humilde e tocaba sobre todo nas festas, nas verbenas, tamén viña aos barrios da Coruña, pero non ía aos xogos florais e concursos que se facían na segunda metade do século XIX, fomentados polas sociedades coruñesas galeguistas ou rexionalistas". Así lembra Moncho do Orzán a Francisco Vázquez García, que pasou á memoria histórica coma Farruco ou o Tío Fuco de Montrove.

Moncho do Orzán, membro do coro de Cántigas da Terra, recolle a historia de Farruco de Montrove e tamén da segunda e terceira xeración de gaiteiros da comarca coruñesa nun libro que presentou onte nesta localidade oleirense, precisamente a poucos metros de onde naceu e viviu este gaiteiro, pegado á capela de San Paio. A presentación da obra fíxose polas festas de San Paio que se celebraron este fin de semana, e tamén porque neste 2018 se cumpriron 80 anos da morte de Farruco.

O Tío Fuco de Montrove foi un dos gaiteiros de máis sona das Mariñas xunto co Rilo de Betanzos, segundo afirma Moncho do Orzán, que conseguiu atopar datos sobre el en arquivos e a través de entrevistas a veteranos gaiteiros.

Ademais de pola sona como bo gaiteiro, Farruco tamén foi un referente ao ser retratado e pintado como prototipo de gaiteiro galego. Antonio Jaspe Moscoso pintou un óleo no que retrata ao músico de Montrove cando tiña 27 anos, acompañado dun tamboril. Este lenzo, que lle dou sona tanto ao gaiteiro como ao pintor, conserváse no Museo de Belas Artes de A Coruña. Máis tarde tamén o sacaría nun gravado para publicar na revista La ilustración gallega y asturiana.

Este gaiteiro estivo uns cincuenta anos en activo pero non hai moitas imaxes del. Aparte do cadro de Jaspe foi fotografiado por Ferrer, tamén acompañado polo tamborileiro Silveira, una foto que foi usada como postal no primeiro cuarto do século XX.

Francisco Vázquez García, Farruco, naceu un 26 de agosto de 1850 no número 8 da aldea de Montrove e faleceu en 1938 aos 88 anos. Era labrego e segundo o autor, o máis probable é que fora autodidacta coa gaita.

"Non hai moita bibliografía dos gaiteiros da Coruña, como sí hai dos das Rías Baixas. No libro Un gaiteiro en la vuelta al mundo de Alejandro Temprano, conta que Farruco deu alboradas ata ben entrada a década dos anos vinte. Temprano conta cómo coñeceu a Farruco e lle foron aprendendo o repertorio. A Foliada de Elviña, que tocou Liam O'Flynn, pertencía ao repertorio de Farruco de Montrove. Ao parecer tiña un repertorio moi rico, xotas, muiñeiras", afirma Moncho.

Nunha destas casualidades da vida, Moncho do Orzán, falando cun compañeiro do coro de Cántigas, Francisco López Edreira, soubo que o seu sogro era bisneto do Tío Fuco. A familia non tiña moitos máis datos, pero conservaba un tesouro: o punteiro do gaiteiro.

O punteiro do gaiteiro

No libro cóntase que se descoñece quen fixo "tan magnífica" peza, cunha sección maior e paredes máis grosas que os actuais. É de buxo, pintado de negro e cos buratos da man dereita de grande tamaño. Tiña colocada unha palleta ancha posta en época recente. Ao autor chamouse a atención "a capacidade para afinar tanto en aberto como en pechado sen ter que manipular as canas", froito de sucesivas modificacións sobre o punteiro.

Moncho do Orzán sinala que o Tío Farruco tamén se abriu ás novas tendencias musicais, e participou no recoñecido Cuarteto do Tío Chinto, un formato que tivo grande difusión en Galicia no século XIX ao incluír un clarinete. O nome deste cuarteto coñécese gracias ao músico e escritor Lucas Moris da Coruña, que nun libro recollía un poema no que dicía: "Que ben tocaba a gaita/ o Tío Fuco de Montrove/ coñecíalle aos segredos/ ise ademirabele home".

O autor de Farruco de Montrove e os gaiteiros da Coruña repasa toda a historia dos gaiteiros da comarca dende a primeria xeración (da segunda metade do XIX), co Tintoreiro, Ambrosio Calza, o Tío Pepe da Varredura e Francisco Pato; tamén Rilo de Betanzos e Manuel Manso, pai de Cafú; ata os da segunda (nacidos a comezos do século vinte), cos Tempranos, Ambite, Paradela; e os da terceira (vidos das aldeas para a cidade coruñesa nos cincuenta), coma Os Matos, Os Labregos, e os descendentes da segunda xeración como o grupo Brisas da Coruña (ao que Cántigas lle fará unha homenaxe este ano).

Este volume publicado por ACentral Folque, entidade de Santiago que traballa na recuperación da memoria musical de Galicia, inclúe unha escolma de partituras e un CD con gravacións musicais de Os Tempranos de Eirís, Paradela e Ambite.