A histórica banda punk coruñesa Radio Océano subirá ao escenario do festival Rock in Cambre este venres para presentar novos temas e rememorar os antigos. O seu novo disco, Memoria do Óxido, ve a luz trinta anos despois que aquel primeiro e único Nin falta que fai. O seu vocalista, Xosé Manuel Pereiro, confirma que seguen sendo os mesmos.

- En 1982 citaban aos Ramones como as súas influencias, e dentro duns días tocan no mesmo escenario que Marky Ramone, o batería da banda.

-Xa nos podemos retirar outra vez. Despois de coincidir cun Ramone no mesmo escenario e de compartir camiseta, non creo que vaiamos ter unha cota máis alta que esa. É unha cousa emocionante.

- Creríao se llo din hai 30 anos?

-Hai 30 anos non pensaría nin que estaríamos nós nun escenario nin que ningún Ramone seguiría. Con iso demóstrase que estabamos equivocados co de que non había futuro. Hai cinco anos tampouco pensabamos en volver actuar.

- No Rock in Cambre soarán temas clásicos e temas novos do disco Memoria do óxido. Cal é o contraste entre ambos?

-Non hai moita diferencia, quizais teñen menos letra por un tema de economía da memoria. Mantemos a nosa forma work in progress de compoñer, subindo ao escenario con temas inacabados que rematabamos no momento. Ao oído, Radio Océano segue a ser recoñecible. É a nosa marca de fábrica.

- Mais que unha renovación, parece unha redescuberta.

-Si, aínda que hai temas novos, seguimos sendo os mesmos. Volvemos á formación actual, anterior ao disco. É unha volta as raíces.

- Subirá ao escenario Johnny Rotring ou Xosé Manuel Pereiro?

-Sempre foron un pouco o mesmo. Cando era Johnny Rotring seguía sendo xornalista. Despois dunha noite de concerto, tiña que estar ao día seguinte ás 8 da mañá na emisora. É tamén de onde sacas a visión do mundo, de onde te retroalimentas. Sacas a música da vida real. Nunca fomos músicos tradicionais.

- Sempre dixeron que non aspiraban a unha carreira musical. Cales son agora as perspectivas?

-Agora non temos que labrarnos un futuro, en todo caso teremos que labrarnos un pasado. Seguimos divertíndonos tocando e ensaiando. Se antes non tiñamos esa presión de triunfar, menos a teremos agora. Para facer o disco non fomos petar a ningunha porta, a proposta veu de fóra.

- É este un bo momento musical para volver?

-O momento é excepcional, pero nefasto en difusión. A facilidade que dá Internet moitas veces supoñen non saír do anonimato.