As persoas ás que lle apaixona o seu traballo conseguen que os descoñecidos se convertan en amigos en minutos, conseguen espertar interese e enerxía nos espíritos máis melancólicos e conseguen tamén que o que ensinan, coma a paisaxe, flora e fauna do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes en Oleiros, quede gravada na memoria e no corazón de todos os visitantes. Así o fai Franqui Illanes, o responsable da Aula do Mar de Mera e o que organiza no verán as rutas guiadas por este entorno protexido, unhas rutas que cada ano teñen máis demanda e nas que participan turistas de todo o mundo. O ano pasado faltaron 31 persoas para chegar aos 15.000 visitantes durante todo o ano a este espazo.

Hoxe domingo Illanes vai facer a última destas rutas polo Monumento de forma altruísta. Empezou as vacacións o pasado venres pero non quería deixar a ninguén fóra. "Este ano veu moitísima xente en xullo e agosto, máis que o ano pasado. Fago dúas rutas, de catro quilómetros: unha de dúas horas e media polo Seixo Branco, a batería de costa, o castro de Subiña; e outra de tres horas que sae da igrexa de Dexo, pasa polo porto de Dexo e remata de novo na igrexa. Moitas veces pásome do tempo sen darme conta. Quería propoñer facer outra ruta máis curta tamén, dun quilómetro, arredor dos faros e a batería de costa", conta este monitor de tempo libre, especializado en interpretación do patrimonio e cun ciclo superior de guía, información e asistencia turística.

Dende o ano 2016 é o Concello e non o Centro de Extensión e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) o que se responsabiliza da xestión da Aula do Mar e das rutas guiadas, que de forma máis definida e estable comezaron o ano pasado e que atraen visitantes de todo o mundo. Con reserva de cita, pódense facer os mércores e domingos pola mañá, o resto do tempo Illanes está na Aula do Mar, ao ladiño dos faros. Pode facer estas rutas ao ter a unha persoa de apoio e unha substituta cando el non traballa. No inverno só se visita a Aula do Mar e a zona máis preto dos faros, como é o caso das visitas escolares. "Aínda que hai xente que xa está pedindo que se organicen rutas tamén no inverno", engade.

"Cando empezou a temporada este verán, o primeiro día para apuntarse non paraba de coller chamadas, tiña que dar citas para dúas e tres semanas máis tarde", sinala.

"Este ano só quedaron sen vir, xente de Soria e Melilla. Veñen moitos da Bretaña francesa, cos que vexo que temos moitas conexións. Tamén me veu xente de Ghana ou Kenia, Cabo Verde, Sâo Tome e Príncipe, Thailandia, Bangladesh, ata unha rapaza de Uzbekistán", conta Illanes.

"Todo o mundo alucina coa paisaxe de Dexo, encántalles. As preguntas que máis me fan é por que hai dous faros, cal é o máis vello, xa lles digo que son os dous igual de antigos, e logo tamén queren coñecer máis rutas pola zona, e onde comer", engade.

Illanes non só é o guía deste tramo duns once quilómetros de costa protexido dende o ano 2000 e dentro da Rede Natura, tamén converteu o seu perfil en Facebook no caderno de campo do Monumento, unha páxina que é de obrigada visita para ver espectaculares fotografías de lagartos arnais tomando o sol entre as rochas do acantilado, ou coñecer peculiaridades que ocorren arredor dos faros, como un grupo de estorniños que cada tarde se xunta enriba do faro máis alto antes de cruzar a ría para pasar a noite na Coruña.

Illanes tamén retrata co seu teleobxectivo os cruceiros, mercantes e petroleiros que cruzan pola ría, ou o grupiño de artistas que visitou a zona e nunha mañá pintou impresionantes cadros coa paisaxe que tiñan diante. A este guía gústalle falar e coñecer xente, o ideal para atraer máis visitantes polo boca-orella, e moitos ata repiten e quedan tan encantados que lle queren facer regalos.

Os 'repetidores'

"Teño un matrimonio de Madrid que é a terceira vez que veñen e son moi amables. Pasan cousas curiosas, como que os visitantes che queiran facer regalos, unha botella de viño, un libro, ata darche propina", conta o home cun sorriso. Só en casos moi excepcionais tivo algún problema con visitantes, "como un madrileño que protestou iradamente porque todos os paneis estaban en galego. Agora están en galego e en castelán". Na Aula do Mar, no exterior, ten unha cadeira reservada, por decisión de Illanes, don José, un veciño de 98 anos de Espiñeiro, que cando pode, un par de veces ao mes, vén andando ata alí e se queda a admirar a beleza da vida.