Josefina Teijeiro Orosa morreu a mediados dos anos noventa pero segue viva no corazón de ducias de mulleres da parroquia de Pastoriza que acostuman reunirse para lembrar á que foi a súa mestra dende mediados dos anos cincoenta ata comezar os setenta porque soubo sementar "gañas de aprender", alegría e solidaridade cos máis necesitados, como explica unha das súas antigas alumnas, Carmen Vázquez. Ela, xunto con outras compañeiras, Luisa, Mari Carmen, Ana, Mari Luz, Fina e Ana, organizaron para hoxe sábado unha gran homenaxe para honrar a mademoiselle Josefina nunha cea ás nove da noite no restaurante Pastoriza, aberta a todas as veciñas, e na que xa están confirmadas unhas 130 mulleres.

As mulleres de Arteixo ás que doña Josefina lle dou clase na antiga escola unitaria queren que o "exemplo" desta muller quede recoñecido para sempre bautizando unha rúa da parroquia co seu nome. Así llo van solicitar ao Concello.

"Doña Josefina naceu en La Habana en 1909. Cando veu para Pastoriza, renunciou a vivir na vivenda que estaba na parte alta da unitaria e convertiu ese espazo nun comedor con asbsoluta preferencia para as nenas de familias máis desfavorecidas. Alí aprendimos a comer ben, variado e san. Na miña casa había case cada día ou melgacho ou caldo, alí comíase arroz, lentellas. Xa se cociñaba tendo en conta a roda de alimentos. Ela tiña unha cociñeira, a señora Maruja, que tamén vai vir á cea e que a quería moito, foi ela a que nos dou a fotografía de doña Josefina", conta Carmen Vázquez. Xunto a Maruja, tamén foi cociñeira nesta escola Aurelia Rabuñal.

Esta exalumna tamén lembra que todas as nais, como era habitual naqueles anos, lle levaban á mestra cousas como ovos, patacas e outros productos pero doña Josefina "nunca levaba nada para a sú casa, quedaba todo no comedor do colexio para compartido nos seguintes días".

Josefina Teijeiro chegou a ter ata setenta alumnas e era capaz de darlle clase a todas a pesar de ter distintas idades e estar a distintos niveis educativos. "Ela inculcounos gañas de aprender, organiza excursións, xa na aquela época, veladas, cantábamos, recitábamos poemas... Sementou en nós alegría, todas as que pasamos pola súa clase temos algo en común, un espíritu alegre, cheo de enerxía e gañas de saber", subraia, con emoción, viveza e agarimo nas súas palabras, Carmen Váquez.

As alumnas nesta mestra que deixou tan fonda pegada entre as mulleres da parroquia de Pastoriza tamén aprenderon a falar francés cun alto nivel, que practicaban en todo momento. "Íamos a buscala á parada do autobús, porque vivía en A Coruña, e ao chegar decíamos-lle: bonjour mademoiselle Josefina, comment allez-vou? E ela dicía très bien, et vou? E nós contestábamos très bien, merci. A xente do autobús quedaba abraiada. Collimos tan bó nivel en francés que eu ao ir para o instituto feminino saquei un dez".

Doña Josefina formou en Pastoriza mulleres libres e independentes que non a esquecen, coma Ana Mosquera, filla da cociñeira doña Maruja, que se fixo profesora tamén polo exemplo desta muller, unha desas persoas que alumbran o mundo e deixan moitas luces acesas cando se van.